Acondicionan en Barreiros un hórreo centenario como cuarto para uso turístico
Acondicionan en Barreiros un hórreo centenario como cuarto para uso turístico
Mide 8 metros de longo e 1,70 de ancho e dispón de baño e armario
Os donos alcumárono como a "suite do cabazo"
Dende fóra semella un de tantos hórreos que se ven en calquera comarca gandeira galega. Pero dentro acolle un dos máis particulares cuartos que hai en Galicia. E é que moi pouca xente terá durmido nunha destas construcións concibidas para almacenar cereais. Imposible vivir máis intensamente a experiencia rural.
"Conservamos as actividades agrogandeiras para que a experiencia non só sexa durmir no cabazo, senón somerxerse na experiencia rural plena", Camilo Piñeiroa, Abrigadoiro de Rexa.
Todo canto hai no cuarto tivo que ser feito á medida, xa que non existen mobles pensados para colocar nun hórreo. Por tratarse dun elemento catalogado e de máis de cen anos, houbo que ser moi coidadosos coas obras e os materiais, algo que tamén lle da un plus a esta chamada 'suite do cabazo'.
"Tivemos que seleccionar moi ben todos os elementos da construción. Aquí non hai nada industrial. O que non se utiliza deteriórase, e é o que queremos evitar."
Nesa liña de aproveitar espazos en desuso, xa traballan en rehabilitar un muíño e os antigos cortellos das vacas para convertelos en lugares onde pasar a noite.