Principio de acordo entre os axentes sociais para subir os salarios o 10 % en tres anos
Principio de acordo entre os axentes sociais para subir os salarios o 10 % en tres anos
Pactan unha suba do 4 % este ano e do 3 % tanto en 2024 como en 2025
O acordo inclúe unha cláusula de revisión por se a inflación segue disparada
Pedro Sánchez atribúe o pacto sobre os salarios á paz social que fomenta o Goberno
É o grande acordo laboral que quedaba pendente nesta lexislatura, pero aínda non está pechado. Unai Sordo, secretario xeral de CC. OO., aclarou que "neste momento estamos preto do acordo, aínda que hai detalles, e algún deles de calado, por ultimar durante esta fin de semana".
O que si parece pechado son as principais cifras: CEOE, UXT e Comisións Obreiras pactaron que os salarios suban un 4 % este ano, un 3 % en 2024 e outro tanto en 2025.
Os sindicatos rebaixaron as súas pretensións, que en principio superaban o 13 % durante o trienio. E tamén renuncian a que se apliquen subas retroactivas desde 2022.
Pero a cambio arrincan unha concesión á que a patronal se negara ata agora, a cláusula de revisión salarial. Se a inflación sobe por riba do que o fagan os soldos, os empresarios engadirán un 1 % adicional.
Para Pepe Álvarez, secretario xeral de UXT, "que haxa un acordo que permita que teñan un paraugas que garanta a inflación e, por outra parte, que haxa repartición de beneficios, paréceme que é un grande acordo para España".
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, agradeceulles aos axentes sociais un acordo que protexe os salarios dos traballadores. Tamén o celebrou o presidente do Partido Popular, que eloxiou a súa responsabilidade fronte á desidia, dixo Núñez Feijóo, do Goberno.
O acordo non é de obrigado cumprimento, pero é a guía pola que moven as distintas negociacións colectivas.
España levaba sen un pacto deste tipo en vigor desde 2020, unha carencia agravada pola suba dos prezos do último ano e a correspondente perda de poder adquisitivo dos salarios.