Activado o aviso amarelo por tormentas fortes con sarabia no sur de Galicia
Activado o aviso amarelo por tormentas fortes con sarabia no sur de Galicia
Entre as 15:00 e as 21:00 horas agárdanse treboadas e chuvias intensas en varios puntos
Unha tromba de auga e pedrazo complica a circulación na A-52 á altura de Ponteareas
MeteoGalicia activa o aviso amarelo por tormentas localmente fortes, con sarabia ocasional, no sur de Galicia entre as 15:00 e as 21:00 horas deste sábado. As zonas afectadas son o sur e a montaña de Ourense, Valdeorras e o Miño ao seu paso por Pontevedra.
Ademais, actívase o aviso amarelo nesta parte do territorio por chuvia intensa na mesma franxa horaria. Agárdanse acumulacións de ata 15 litros nunha hora.
Este venres, as treboadas descargaron con forza, sobre todo, en vilas da provincia de Ourense. Houbo unha calor abafante, raios, chuvia torrencial e pedrazo pero non deixaron incidencias importantes, salvo problemas puntuais á hora de circular por algunhas estradas.
Incidencias do venres
No sur de Galicia o calmuzo trouxo consigo temperaturas abafantes. Aos 36 graos chegaron en Salceda de Caselas. E dende primeira hora da tarde chuvia e pedra a cachón.
Onde máis choveu foi no Rosal, tamén en Tui, Entrimo e Casaio. A media tarde a auga e o pedrazo colapsaron a autovía á altura de Ponteareas.
Dende o mediodía ata a medianoite caeron en Galicia máis de 1.500 raios, sobre todo nas provincias de Pontevedra e Ourense. O pedrazo e a chuvia fixeron o resto.