Publicador de contidos
Publicador de contidos

A neve dificulta a circulación nas estradas e provoca 42 incidencias en Galicia

A neve dificulta a circulación nas estradas e provoca 42 incidencias en Galicia

A A-6 estivo cortada entre Noceda (Lugo) e Portela de Valcarce (León)

Rescatados dous excursionistas nun refuxio de montaña en Lalín

Unha forte sarabia provoca dous accidentes múltiples na AP-9

directo
G24.gal 09/03/2024 09:05 Última actualización 09/03/2024 22:20

Últimas rabexadas do inverno que deixan novamente unha fin se semana de neve. Este sábado continúa activo o aviso laranxa nas montañas de Lugo e Ourense por acumulacións de máis de 20 centímetros. 

Estradas en Lugo

A DXT recomenda transitar con precaución pola A-6 onde estivo cortado o tramo entre Noceda e Portela de Valcarce (León), en ambos os dous sentidos. Ademais, o vento está a dificultar a circulación na A-8, dende o quilómetro 536 en Veiga de San Tomé (Lugo) ata o 552 en Someiro.

Respecto ás estradas secundarias, na LU-633 hai aviso por circulación irregular dende o quilómetro 0 en Pedrafita do Cebreiro ata o 20 no Queixadoiro.

No alto de Sete Carballos, no concello de Cervantes, practicamente non parou de nevar en todo o día. Con maior ou menor intensidade, as felepas foron caendo e formando unha capa de neve que nalgúns puntos chegaba aos trinta centímetros. 

As nevadas comezaron sobre as sete da mañá e, nas primeiras horas, a cota de neve situouse nos cincocentos metros. Despois púxose nos oitocentos e novecentos metros, pero neste alto a neve apenas parou, co cal cómpre extremar as precaucións.

Provincia de Ourense   

Na provincia de Ourense, a neve afecta á circulación na A-52 entre o quilómetro 112 na Canda e o 128 na Gudiña.

Dificultades tamén na OU-536 onde está prohibido o paso de autobuses e camións entre Barrio e A Eirexa. Ademais, é obrigatorio o uso de cadeas ou pneumáticos de inverno.

Na mesma estrada, hai que circular con precaución nos treitos Cima de Vila-O Reboledo e nos termos municipais de Maceda e Montederramo.

Na OU-0704 está prohibido o paso de camións entre Cova e Cabeza de Manzaneda, en sentido crecente.

Máis dunha trintena de incidencias

O temporal deixa un total de 42 incidencias pola acumulación de xeo, neve ou sarabia. A máis relevante ocorreu na AP-9, ao seu paso pola cidade do Lérez. O pedrazo provocou dous accidentes múltiples con quince coches implicados e nove persoas feridas leves.

Na provincia de Ourense houbo problemas en Piñor, Castro Caldelas, Lobios, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Chandrexa de Queixa, Avión, Muíños, Calvos de Randín, Cualedro, Laza, Lobeira, Maceda, San Cristovo de Cea, Vilariño do Conso e A Gudiña.

Os concellos lucenses máis afectados foron Chantada, Folgoso do Courel e Triacastela. Na provincia de Pontevedra, os avisos ao 112 concentráronse nos municipios de Forcarei, Rodeiro e Dozón.

No concello de Lalín, efectivos do GES rescataron dous excursionistas atrapados no Alto do Coco pola neve. Atopábanse nun refuxio de montaña con mantas térmicas, pero as temperaturas eran moi baixas. Un deles tiña unha lesión no nocello.

Retencións 

Na A-52 ao seu paso pola Gudiña, diversos condutores informaron de importantes retencións pola neve e o xeo. Ata o punto desprazáronse a Garda Civil de Ourense e os servizos de mantemento da autovía, que traballan no punto con máquinas quitaneves.

Nesta mesma zona, un camioneiro contactou con Emerxencias ao fío das 11:00 horas tras bater contra outro no quilómetro 126 en sentido Ourense. Aínda que os vehículos non perderon a carga -lixo nun e pezas de vehículos noutro- quedaron atravesados na vía e interromperon a circulación.

Outros accidentes

Ademais, un condutor perdeu o control do seu vehículo pola saraiba en Pontevedra e, tras dar varias voltas de campá, bateu contra a mediana da AP-9 ao seu paso por Salcedo. Ocorreu pasadas as seis da mañá.

Do mesmo xeito, na PO-344 ao seu paso por Gondomar, varios vehículos sufriron saídas de vía a consecuencia dun intenso graínzo caído ao redor das 8:30 horas. 

Rescates en Manzaneda

Durante a noite, os servizos de emerxencia rescataron varios coches atrapados pola neve na contorna da estación de esquí de Manzaneda.

Minutos despois das once da noite, unha condutora chamou para pedir axuda ao ser incapaz de avanzar cando transitaba no seu coche pola OU-0704, na Pobra de Trives (Ourense).

Equipos do GES de Castro Caldelas e de Protección Civil da Pobra de Trives tiveron que socorrer outros tres vehículos pola zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade