Controlado o incendio na planta da empresa Sogarisa nas Somozas
Controlado o incendio na planta da empresa Sogarisa nas Somozas
O lume iniciouse sobre as 16:20 horas nas instalacións situadas no polígono industrial
Hai unha investigación aberta para saber como comezou o lume
Está mañá quedaba desactiva do plan de emerxencias
Os bombeiros traballaron durante horas ata conseguir controlar o lume.
O incendio comezaba ás catro e vinte desta tarde na planta que a empresa Sogarisa ten no polígono industrial das Somozas... As instalacións están dedicadas á reciclaxe de residuos industriais.
No lugar rexistráronse varias explosións, que precederon ao comezo das lapas que afectaron a unha zona en que se almacenaban diferentes produtos.
"Pois en pouco tempo as chamas impresionaban moito, moito fume, o incendio agora está practicamente apagado, están arrefriando as zonas onde foi o máis forte do incendio, pero está controlado e practicamente apagado", di Juan Alonso Tembrás, alcalde das Somozas.
No momento do incendio estaban na planta varios traballadores. Dous operarios resultaron feridos e foron trasladados a un centro hospitalario pola inhalación de fume.
"Estivemos falando con eles, cos que estaban traballando, levando o control da planta, uns estaban un pouco nerviosos, leváronos na ambulancia para facer unha revisión, pero estaban ben", engadiu o alcalde.
Debido ao alcance do incendio e a virulencia das lapas, a Xunta activou o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia, o Platerga. Sobre as 1:15 horas deuse por finalizada a actuación dos bombeiros, polo que esta mañá desactivouse o plan de emerxencias.
O 112 mobilizou os Bombeiros do Eume, con sede nas Pontes, o GES de Ortigueira, Bombeiros de Ferrol e os efectivos de extinción de Barreiros (Lugo), ademais da Garda Civil.
Tamén se solicitou a colaboración do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón e do corpo de Bombeiros de Vilalba.
Despregouse un perímetro de seguridade para que ninguén se achegase ás instalacións.Haberá que esperar aos resultados da investigación para determinar as causas do incendio.