As Medallas Castelao 2022 recoñecen a quen "engrandece a nosa terra"
As Medallas Castelao 2022 recoñecen a quen "engrandece a nosa terra"
No acto celebrado no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, entregouse o galardón a Camilo Nogueira, Javier Olleros, a Coral Polifónica El Eco, o Pescados Rubén Burela FS, e a Javier Sánchez de Dios
Coma cada 28 de xuño, o Panteón de Galegos Ilustres acolleu este martes a entrega das Medallas Castelao, que este ano recoñeceron o labor de persoeiros da política, a gastronomía, a cultura, o deporte e o xornalismo.
O político Camilo Nogueira, o restaurador Javier Olleros, o xornalista Javier Sánchez de Dios, a coral Polifónica El Eco, e o equipo de fútbol sala feminino Pescados Rubén de Burela recibiron o galardón.
De Camilo Nogueira, destacouse que é "un dos pais do Estatuto" galego e defendeu tanto no Parlamento autonómico como no Europeo, "desde as súas formulacións", os intereses de Galicia dun modo "absolutamente digno".
Ao recoller a medalla, Nogueira dixo que quixo servir ao autogoberno de Galicia "seguindo o maxisterio de persoas como Castelao".
Lembrou a súa achega ao Estatuto de Autonomía e á Lei de normalización lingüística ou o seu paso polo Parlamento Europeo. "Procurei levar a voz de Galicia a Europa e ao mundo. Agradezo inmensamente que este traballo pola miña nación sexa recoñecido", afirmou.
Respecto a Olleros, a Xunta sinalou para concederlle esta medalla o seu labor á fronte do restaurante Culler de Pau no Grove que en 2020 conseguiu un fito, ao obter a segunda estrela Michelin, o único local en Galicia con esta distinción.
O cociñeiro do Grove reivindicou a gastronomía como factor cultural e recoñeceu o labor de todos os que a fan posible: "Unha gastronomía construída por moita xente de moitos ámbitos: agricultores, xentes do mar, queixerías, artesáns, escoals técnicas, formación profesionais, universidades, a ciencia, ...".
Dixo Olleros que "estamos en tempos de coidar valores e dereitos conquistados durante moitos anos, está nas nosas mans preservalos".
A Coral Polifónica El Eco da Coruña, fundada por Pascual Veiga, autor da música do Himno de Galicia, e que xa en 1889 recibía en París unha medalla polo seu labor, destacouse esa longuísima traxectoria.
O seu presidente recordaba no seu discurso esa traxectoria, pero o seu agradecemento era por enriba de todo "para os familiares dos coralistas e o público polo seu aplauso".
Tamén se decidiu distinguir o equipo de fútbol sala feminino Pescados Rubén, de Burela, polos seus logros deportivos ao máis alto nivel e pola súa traxectoria.
A súa capitá e porteira, Jozaine de Oliveira, referíase ao "orgullo laranxa" para falar non só do que foi declarado dúas veces mellor club do mundo, senón tamén do traballo pola igualdade.
O último en recoller a medalla foi o xornalista Javier Sánchez de Dios, que na actualidade escribe columnas en Faro de Vigo. Lembrouse a súa "amplísima experiencia" en distintos medios ao longo da súa carreira.
Sánchez de Dios interpelou directamente ao presidente da Xunta, a quen lle di que ve nel as virtudes que teñen que ter os "homes que queren levar os pobos á boa meta".
Alfonso Rueda finalizou os relatorios asegurando que os premiados "engrandecen a nosa terra" e marcan "o camiño cara a unha Galicia mellor".
Os premiados engrandecen, afirmou o presidente da Xunta, a Galicia integradora e afectiva. Alfonso Rueda defendeu un modelo de gobernar que faga súas as prioridades da xente.
"Agora que fogares e familias volven atravesar dificultades faise máis necesario que nunca o servizo público practicado desde a proximidade. Creo nun modelo que non se considere en posesión das verdades absolutas pero que diga sempre a verdade. Un modelo que escoita e aplica o escoitado. Un modelo que goberne en primeira persoa do plural: esforzámonos, unímonos e superamos xuntos as dificultades", asegurou o presidente da Xunta.