Publicador de contidos
Publicador de contidos

Adolfo Domínguez cuadriplica o seu beneficio anual e factura 126,7 millóns de euros

Adolfo Domínguez cuadriplica o seu beneficio anual e factura 126,7 millóns de euros

No último exercicio fiscal, a firma téxtil rexistrou un beneficio neto de 730.000 euros 

O 3 de maio, Adolfo Domínguez comezará a cotizar tras renovar o acordo con Puig para comercializar os seus perfumes

G24.gal 26/04/2024 09:42

Adolfo Domínguez rexistrou un beneficio neto de 730.000 euros durante o seu exercicio fiscal 2023-2024 (entre marzo de 2023 e febreiro de 2024), o cal supón multiplicar por máis de catro (365,1 %) as ganancias de 157.000 euros rexistradas un ano antes, segundo informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Durante o seu último exercicio fiscal, a firma alcanzou unha facturación de 126,7 millóns de euros, un 10,9 % máis, que a levou a "consolidar a súa recuperación e xerar beneficio neto positivo por segundo ano consecutivo", explicou a firma de moda de autor.

En concreto, a compañía superou a súa facturación previa á pandemia e xerou 6,1 millóns de euros máis de resultado bruto de explotación (Ebitda), con 30 puntos de venda menos que no exercicio fiscal 2019/20. Deste xeito, o Ebitda situouse en 17,4 millóns de euros, un 30,1 % máis que no mesmo período do ano anterior.

A firma ourensá aposta pola internacionalización e as vendas en liña

As vendas da compañía creceron en todos os países en que opera, con aumentos en Europa do 8,8 %; en México, do 10,4 %; no Xapón, do 12,7 %, e nos outros 17 países en que ten presenza. A compañía intensificou nos últimos anos a súa despregadura internacional; as súas tendas no estranxeiro representan o 60 % da rede. Á vez, detallou que as vendas en liña da marca creceron un 21,9 %.

"Hoxe facturamos 11,8 millóns máis que en 2019/20 con 30 puntos de venda menos e consolidamos a nosa recuperación. Asentamos as bases do noso crecemento futuro sen perder o foco na eficiencia. Seguimos impulsando a nosa expansión internacional, á vez que modernizamos e optimizamos os nosos procesos", explicou o conselleiro delegado de Adolfo Domínguez, Antonio Puente.

Adolfo Domínguez reforzou a súa expansión da man de grupos de referencia no retail global, como Chalhoub Group, con quen abrirá 16 establecementos ata 2027 en Oriente Medio; Galeries Lafayette, con quen abriu tres novos espazos en Francia no último ano, ou Palacio de Hierro, principal socio da firma en México e con quen comparte 92 puntos de venda no país, oito deles abertos no último ano.

Ademais, a marca detallou que acaba de renovar o seu acordo con Puig, que comezará a cotizar o próximo 3 de maio, para a comercialización dos seus perfumes. Entre marzo de 2023 e febreiro de 2024, Adolfo Domínguez abriu novas tendas en España (11), Francia (4), Portugal (3), México (12), Xapón (5) e outros mercados internacionais (12). Así, o 77 % das aperturas tiveron lugar no ámbito internacional. Ao tempo, subliñou que o grupo emprega a 1.007 profesionais e conta con 360 puntos de venda en 24 países.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade