Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sogama confía en que a primeira planta de reciclaxe téxtil en Galicia bote a andar en 2026

Sogama confía en que a primeira planta de reciclaxe téxtil en Galicia bote a andar en 2026

O presidente de Sogama, Javier Gómez Lino, estima que a planta conte cunha capacidade inicial para tratar 3.000 toneladas ao ano, que se poderá ampliar ata 24.000

O residuo téxtil en Galicia xera unhas 50.000 toneladas
 

G24.gal 05/10/2024 19:00

O presidente de Sogama, Javier Gómez Lino, conta con que a primeira planta de reciclaxe de fibras téxtiles en Galicia acabe tendo capacidade para tratar ata 24.000 toneladas de residuos ao ano. Nunha entrevista na Radio Galega, Gómez Lino asegurou que, de xeito inicial, a planta poderá tratar 3.000 toneladas anuais de refugallo pero que esa cantidade irase ampliando. "O departamento técnico está traballando no prego de condicións da licitación da planta para a que se vai destinar catorce millóns de euros", afirmou.

"O noso obxectivo é ter finalizada a planta en xuño de 2026. Para iso contamos con dez millóns de euros de fondos europeos".

O presidente de Sogama explicou que a xestión e a reciclaxe destes residuos téxtiles domésticos farase de forma separada e tendo en conta a recollida selectiva que realizan tanto os concellos coma as empresas de economía social.  Unha vez que estes residuos cheguen a Sogama vanse separar por cores, por composicións e por outros compoñentes.

Gómez Lino, aclarou que o primeiro paso da reciclaxe sería facer unha separación do que se poida aproveitar para unha segunda vida. "Iso é  algo que fan moi ben as empresas de economía social a través das tendas de segunda man", asegurou. 

Con todo, trátase dun proceso complicado e que depende tamén dunha normativa estatal.

 "O Goberno non definiu aínda como facelo. Falta unha directiva e, polo tanto, temos incertezas. Tamén hai un problema coa tecnoloxía, por iso, de momento, a separación terá que facerse a man".

De feito, no proceso da reciclaxe a separación de impropios (como cremalleiras ou botóns) faríase a man. Logo, unha máquina seleccionará por cor o tipo de material. 

Galicia, pioneira no reciclado téxtil

O presidente de Sogama lembrou que a partir de 2030 as empresas terán a obriga de implementar o reciclado téxtil e agarda que iso sirva para que se creen novas fábricas de fío reciclado e que con el se fagan novas prendas. Tamén lembra que a partir de xaneiro de 2025 os concellos terán que separar en orixe os refugallos téxtiles.

"En Galicia, a día de hoxe, recóllese diferencialmente o 2 % do residuo téxtil e á fracción de resto de Sogama chega ao 7 % do total. É dicir, o residuo téxtil supón unhas 50.000 toneladas", afirmou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade