Altri quere producir fibras téxtiles en Palas de Rei
Altri quere producir fibras téxtiles en Palas de Rei
Xa teñen en marcha unha planta moi semellante en Portugal, na que fabrican lyocell
Esta fibra está presente en moita da roupa que mercamos a diario
Sacar da celulosa soluble, derivada da madeira, unha fibra téxtil coñecida como lyocell. É un dos obxectivos da empresa lusa Altri para o seu proxecto en Galicia.
"Dende a celulosa sólida podemos producir unha solución dunha textura similar ao mel, que despois do contacto coa auga vaise converter nun filamento continuo de celulosa que é o Lyocell, moi semellante ao algodón", explica Gabriel Sousa, director de Innovación do grupo Altri.
En Portugal, en colaboración cos centros tecnolóxicos do téxtil levan anos investigando novas tecnoloxías. Aseguran que o seu obxectivo é engadir valor á madeira.
"A insostenibilidade engadida á produción é moito máis baixa. Dun lado porque a produción de foresta non emprega praguicidas, e doutra porque a utilización da auga é moito menor", detalla Antonio Braz Costa, director xeral dos centros CITEVE e Centi .
Dende Altri apuntan que tamén investigan tecnoloxías de reciclaxe da roupa.
Carlos Van Zeller, conselleiro executivo Altri, apunta que traballan "para ver como se comporta o Lyocell con materiais reciclados. O noso obxectivo en Palas é ter unha planta que consuma as toneladas de residuos téxtiles que temos en Europa".
No centro tecnolóxico das industrias téxtiles de Portugal investigan xa outras materias primas, dende os ourizos das castañas á cortiza do piñeiro, para evitar depender dos derivados do petróleo e de terceiros países.