Piden o confinamento da poboación en Castelló, en aviso vermello polo temporal
Piden o confinamento da poboación en Castelló, en aviso vermello polo temporal
Bombeiros de Castelló traballan en varios rescates de persoas afectadas pola DINA
A Axencia Estatal de Meteoroloxía advirte de precipitacións moi intensas, que poderían acumular 180 litros por metro cadrado en doce horas
Os colexios de boa parte da provincia de Castelló suspenderon as clases. Circular en coche por algunhas vías é practicamente imposible. Desde dentro, non se ve o asfalto, só hai auga. Os transportes públicos están tendo problemas.
En zonas rurais, asomarse á fiestra nas últimas horas ofrece a imaxe de ríos que crecen máis do que as concas poden delimitar.
Chove sobre mollado. Hai corrementos de terras e enchentes súbitas de ríos. Os bombeiros achicaron varias vivendas inundadas e axudaron tamén a rescatar varias persoas. Hai aviso vermello, risco máximo en toda a provincia de Castelló por fenómenos meteorolóxicos extremos.
Caeron xa máis de douscentos litros de auga por metro cadrado. A previsión é que a choiva vaia remitindo pero, de momento, a chamada á poboación é a de que extremen a precaución ao máximo e que eviten desprazamentos ou actividades que non sexan realmente necesarias. Pídenlle tamén á xente que se sitúe nas zonas altas e elevadas de todas as poboacións.
Bombeiros do Consorcio Provincial de Castelló rescataron unha persoa na zona de Vilafamés afectada pola choiva torrencial que rexistra este xoves a provincia castellonenca e traballan no rescate doutra persoa que está nunha caseta de campo en Sant Mateu.
Ademais, mobilizáronse para colaborar coa Policía Local de Oropesa no rescate doutras dúas persoas, segundo informa o Consorcio que sinala que están a realizar achiques en vivendas de poboacións da provincia como Tirig, Sant Mateu, Catí ou Vilafamés.
A Deputación de Castelló informou ademais de varias estradas cortadas na provincia por inundacións.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) elevou a nivel vermello o aviso no norte da provincia de Castelló e o seu litoral sur ata as 14:00 horas deste xoves por precipitacións moi intensas que poderían acumular 180 litros por metro cadrado en doce horas.
"Perigo extremo! Non viaxe pola zona salvo que sexa estritamente necesario!", advirte a Aemet na súa conta de X.
⚠️ AVISO ROJO | Lluvias muy intensas en el norte de la provincia de Castellón: pueden acumularse más de 180 l/m².
— AEMET (@AEMET_Esp) October 31, 2024
¡Peligro extremo! ¡No viaje por la zona salvo que sea estrictamente necesario!
En zonas próximas de Cataluña y Comunitat Valencian continúa el aviso naranja. pic.twitter.com/B9aYnKTH3Y
Tamén está activo o aviso nivel laranxa no litoral de Castelló norte e sur, e no interior norte da provincia (desde as 12:00 horas) por precipitacións que poderían acumular 40 litros por metro cadrado nunha hora e 100 l/m2 en doce horas, segundo Aemet.
O resto da provincia castellonenca, así como o litoral da provincia de Valencia, están en aviso amarelo por tormentas que poderían ir acompañadas de saraiba e acumular 20 litros por metro cadrado nunha hora.
Este venres seguirá o aviso amarelo no litoral de Valencia e Castelló e o litoral norte de Alacant, así como no interior norte de Castelló, por precipitacións que poderían acumular entre 20 e 30 litros por metro cadrado nunha hora.