Afluencia masiva no primeiro día da nova praza de abastos da Ponte, en Ourense
Afluencia masiva no primeiro día da nova praza de abastos da Ponte, en Ourense
Despois de 13 anos pechada, acaba de reabrir a praza de abastos do barrio ourensán da Ponte
Ao longo da mañá, foron moitos os veciños que pasaron polo mercado para ver como quedou e facer as primeiras compras
Os vendedores, pola súa parte, confían en que o interese se manteña no tempo
A reapertura da praza de abastos número 2 de Ourense foi todo un acontecemento no barrio ourensán da Ponte.
"Unha marabilla, unha bendición, despois de tantos anos pechada". "Botabámola de menos. Onte viñemos á inauguración e agora vimos colaborar, mercar para que isto funcione". "Porque me gusta a praza, o trato de ti a ti", celebran dous veciños.
No seu momento, pechou para unha reforma, pero diso hai máis dunha década e os veciños xa perderan a esperanza de volver vela aberta.
"Pasaba por aquí e parecía un cemiterio, esa mole de pedra pechada. Pero agora hai que mantela". "Eu tiña moitas ganas de que abrira, porque a mercadoría é moito mellor e o trato tamén", sinalan outras veciñas.
Hai dez postos, do típico das prazas: carne, peixe, produtos gourmet... Tamén eles arrincan con moita ilusión.
"É a primeira vez que monto un negocio, que son autónoma, e teño moita ilusión por que vaia ben, que funcione e que teña boa acollida", di Nadina Manso, peixeira.
"Desde que abrimos hoxe á mañá non para de entrar xente. Estamos moi agradecidos", engade Rubén, o encargado da froitería.
A praza abre cun novo sistema de xestión que combina o mercado tradicional cun restaurante, onde se poden cociñar os produtos da praza.
Pablo Otero García, xerente da praza de abastos da Ponte: "Pensamos que o restaurante ten que tirar un pouco polos postos, porque se non a xente non vén ao mercado tradicional".
Confían en que o furor da inauguración se consolide no tempo para que os veciños da Ponte conserven o seu mercado de referencia.