Aforrar na volta ao cole coa costa de setembro en plena escalada de prezos
Aforrar na volta ao cole coa costa de setembro en plena escalada de prezos
Reutilizar, intercambiar e planificar apúntanse como os principais consellos para facer unhas compras responsables a conseguir reducir a conta final
O novo curso escolar xa está aí. Este ano adiantase. As clases comezarán o 8 de setembro en todas as etapas. E así, tamén chega antes a costa de setembro, cos temidos gastos en material ou roupa.
O 90 % das familias considera que o aumento xeneralizado dos prezos afectará a volta ao cole, segundo conclúe unha enquisa elaborada pola plataforma de investigación global de mercados Appinio, publicada este martes.
Para facer fronte aos gastos que carrexará o novo curso escolar, o 53 % dos pais e nais enquisados sostén que prescindirán de caprichos e gastos persoais, mentres que un 47 % fará uso de promocións e descontos especiais na compra do material escolar.
Ademais, case cinco de cada dez di que reutilizará o material para aforrar o gasto que supón a súa renovación cada ano.
Así as cousas desde as organizacións de consumidores e desde a administración fan unha serie de recomendacións para reducir e racionalizar o gasto:
1. Mercar só o necesario e evitar caprichos.
2. Reutilizar o material escolar e os uniformes de anos anteriores.
3. Antes de ir de compras hai que planificar e repasar o que se ten na casa. Probar a roupa que se ten no armario para saber se aínda serve e facer inventario do que se necesita axudará a non mercar máis do preciso.
4. Intercambiar os libros que xa non se vaian usar e adquirir os deste curso de segunda man é unha das apostas que fai a Confederación de Consumidores e Usuarios, segundo o seu voceiro, Cesar Díaz. O consumo colaborativo tamén chega ao sector da educación. A nivel local e na rede xurdiron nos últimos tempos plataformas para o intercambio, cesión ou préstamo de material.
5. Comparar prezos. Tanto no material escolar coma nos libros de texto, compara prezos entre diferentes establecementos, as diferenzas poden ser moi importantes. Para isto é importante non deixalo para última hora.
6. Non deixar que as modas inflúan nas compras. Algunhas asociacións recomendan non levar os nenos facer as compras para evitar tentacións, mentres que outras apuntan a que é un bo momento para inculcarlles hábitos de consumo.
7. Conservar os recibos para posibles reclamacións. Os establecementos están obrigados a dalos, pero se non o fan hai que llos reclamar. Tamén serán necesarios para poder facer uso da garantía.
8. Informarse das posibles axudas do concello ou da Xunta para material escolar, comedor e bolsas.