40 anos de autonomía de Galicia a través das caricaturas de Siro López
A mostra de Afundación reúne unha selección de 230 viñetas políticas elaboradas por Siro López entre 1985 e 2006 en que se lembran os momentos de maior transcendencia política de Galicia e os seus protagonistas
A sede de Afundación na Coruña acolleu este xoves o acto de inauguración da exposición '40 anos de autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro'. O presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, estivo acompañado do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; do artista, Siro López: e do presidente de La Voz de Galicia, Lois Blanco.
A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 15 de marzo e poderase visitar de luns a venres, en horario de 17:30 a 20:30 horas, e os sábados e festivos, de 12:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas.
Esta exposición é un proxecto do Parlamento de Galicia en colaboración con La Voz de Galicia e Afundación, a Obra Social de Abanca e a coordinación de Aser Álvarez. Reúne unha selección de 230 viñetas políticas elaboradas polo ferrolán Siro López para La Voz de Galicia entre os anos 1985 e 2006 nas que se lembran os momentos de maior transcendencia política de Galicia e os seus protagonistas. Tamén se expoñerán pezas relativas á primeira lexislatura autonómica (1981-1985) e unha decena máis de debuxos inéditos sobre os últimos anos da política galega.
Esta mostra está incluída no programa solidario Cultura por Alimentos que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O público asistente poderá doar produtos non perecedoiros nos colectores dispostos para tal fin dentro da visita á exposición.
No acto, Santalices destacou o talento creativo e retranca coa que Siro López comentaba a actualidade, converténdose, dixo, "en digno herdeiro dunha extensa nómina de artistas de indiscutible selo galego". Pola súa parte, o artista ferrolán manifestou que foi "a caricatura política" a que o converteu "nun profesional do xornalismo".