Agárdase a mellor colleita de castañas dos últimos anos
Agárdase a mellor colleita de castañas dos últimos anos
Malia o temporal Kirk, a campaña podería pecharse con 18 millóns de quilos recollidos
Nas zonas máis produtoras rexistrouse unha menor mingua provocada polos fungos
A pesar das condicións meteorolóxicas adversas, coma o temporal Kirk, espérase que esta sexa a mellor colleita de castañas dos últimos anos. O principal motivo é unha menor mingua provocada pola avespiña ou polos fungos.
Segundo estimacións da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, a colleita podería achegarse aos 18 millóns de quilos. Ademais da cantidade, destacan a calidade deste ano, cun bo tamaño dos froitos.
Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia: "Sobre todo nas zonas de montaña, as máis produtoras, non houbo tanto fungo. O Kirk tirou moito ourizo en setembro e fixo moito dano, pero estamos vendo que a colleita é mellor".
Un dos retos máis cruciais aos que se enfronta o sector é a competencia de castañas híbridas procedentes da China, de textura máis dura e menos saborosas. Neste sentido, dende a IXP recomendan prestar atención á etiquetaxe.
Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia: "Os que coñecen os híbridos xa saben que o sabor non é o da sativa. A castaña europea é a que se aprecia e a que se paga. En Francia ou en Suíza non queren oír falar de castaña de orixe chinesa ou de híbridos".
Mentres que o consumo en fresco diminúe, aumenta o da castaña transformada ou conxelada.