A mellora do tempo anima a apañar castañas nos soutos
A mellora do tempo anima a apañar castañas nos soutos
O froito xa está maduro nalgunhas comarcas e noutras tirouno o aire
A recollida diminúe cada ano pola falta de man de obra
Cada cousa ao seu tempo e as castañas no advento. Aínda que a sabedoría popular di que faltan uns quince días para recoller as castañas, o certo é que en moitas zonas de Galicia xa se están a apañar.
Ben porque maduraron, ben porque as treboadas de comezos de mes tiraron cos ourizos... Cada quen ten a súa motivación para encher a bolsa.
"O aire rompeu polas e fixo abrir os ourizos antes de tempo".
"Agora hai moitas e se sae o sol aínda han valer bastante".
"Por fin puidemos saír a collelas. A ver se están boas".
En Galicia só se recolle o 22 % de todas as castañas que producen os soutos. E a cifra baixa cada ano. O motivo é o habitual: o despoboamento das zonas rurais e o envellecemento dos que quedan fai que non haxa brazos para apañalas.
É unha mágoa porque calcúlase que todo ese froito que queda para o xabaril ou que podrece podería xerar máis de 120 millóns de euros cada ano.
"Agora a xente maior non as pode coller e a xente nova non quere. É así".
"Viñamos aos cerrotes e acabamos collendo tamén as castañas das gavias".
Ademais de castañas, tamén houbo quen aproveitou para coller cogomelos. Tendo, iso si, coidado cos cazadores que empezaban a temporada.