Aitor, a primeira borrasca de grande impacto, traerá a Galicia chuvia intensa e vento forte
Aitor, a primeira borrasca de grande impacto, traerá a Galicia chuvia intensa e vento forte
A Aemet activou a alerta laranxa na Coruña e Pontevedra por chuvia, onde se acumularán arredor de 80 litros por metro cadrado en doce horas
Agárdase temporal no mar e refachos de vento de entre 80 e 90 quilómetros por hora
Aitor, a primeira borrasca de impacto do outono, deixará nas próximas horas importante choiva, fortes refachos de vento e temporal marítimo, segundo informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía.
A Aemet activou a alerta laranxa na Coruña e Pontevedra, onde está previsto que se acumulen arredor de 80 litros de chuvia por metro cadrado en doce horas. Tamén choverá con intensidade no resto das provincias galegas, onde se prevén niveis de 50 litros por metro cadrado en doce horas de forma extensa.
Ademais, no resto da comunidade estará activa a alerta amarela por 50 litros por metro cadrado en 12 horas desde primeiras horas da tarde. Ante a forte choiva, desde a Xunta de Galicia recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas asolagadas ou que poidan chegar a estalo e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Tamén está activa a alerta amarela por temporal costeiro no noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña, na Mariña lucense e na costa de Pontevedra por vento do suroeste de ata 61 quilómetros por hora (forza 7) ao redor de Estaca de Bares e mar dentro.
No noroeste da Coruña e na Mariña lucense o aviso amarelo será tamén por vento que pode alcanzar os 90 quilómetros por hora, mentres que no oeste, interior e suroeste da Coruña, no centro e na montaña de Lugo, no noroeste e na montaña de Ourense e no interior de Pontevedra o vento pode chegar aos 80 quilómetros por hora.
Ademais, hai alerta amarela por vento non só en Galicia, tamén en Asturias, Cantabria e amplas zonas de Castela e León. Prevense refachos de entre 80 e 90 quilómetros por hora.
O servizo meteorolóxico Meteored advirte de que entre o mércores e o xoves continuará a inestabilidade con choiva forte e persistente en Galicia, Sistema Central, Asturias, noroeste de Castela e León, Cantábrico e sur do Pireneo. Nalgúns destes puntos poderían chegar a caer máis de 100 litros por metro cadrado.
De Aitor a Wolfang, as grandes borrascas que veñen
O domingo 1 de setembro empezou a nova tempada de borrascas de forte impacto en Europa. Desde hai uns anos, as axencias meteorolóxicas de España, Portugal, Francia, Bélxica e Luxemburgo decidiron bautizalas para alertar á poboación dos seus posibles efectos adversos.
A primeira desta temporada vaise chamar Aitor. Tras del virán Berenice, Caetano, Dorothea, Enol, Floriane, Garoe, Herminia, Ivo, Jana, Konrad, Laurence, Martinho, Nuria, Olivier, Pauline, Rudiger, Salma, Timothee, Vanda e Wolfgan.
Nomes de home e muller que soarán moito nos vindeiros meses.