Alberto Rodríguez recorre ante o Constitucional para recuperar a súa acta de deputado
Alberto Rodríguez recorre ante o Constitucional para recuperar a súa acta de deputado
A defensa de Rodríguez solicita que o tribunal de garantías adopte a medida cautelar urxente de que lle sexa devolta a súa acta de deputado
O exdeputado de Unidas Podemos Alberto Rodríguez presentou un primeiro recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional contra a decisión da presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxell Batet, de privalo do seu escano como consecuencia da execución da condena do Supremo.
Nun escrito de 93 páxinas, a defensa de Rodríguez solicita que o tribunal de garantías adopte a medida cautelar urxente de que lle sexa devolta a súa acta de deputado "para evitar o dano irreparable" que provocaría tanto na súa persoa como a terceiros o mantemento da decisión de Batet do pasado mes de outubro.
O Supremo condenou a Rodríguez o 6 de outubro á pena de prisión dun mes e quince días como autor dun delito de atentado a axente da autoridade nunha manifestación en 2014 coa atenuante moi cualificada de dilacións indebidas.
A condena supoñía a accesoria de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena. Na sentenza, o Alto Tribunal resolveu substituír a pena de prisión pola pena de multa de 90 días con cota diaria de 6 euros.