Alberto Varela: "Non hai xustificación para a suba do canon do lixo de Sogama"
Alberto Varela: "Non hai xustificación para a suba do canon do lixo de Sogama"
O Consello de Administración de Sogama aprobou incrementar o imposto a 66 euros por tonelada de residuos tratada nas instalacións de Cerceda
O presidente da Federación de Municipios e Provincias (Fegamp) critica que se xustifique pola aplicación dun imposto estatal "que recada a Xunta de Galicia"
Di que os nove millóns que a Xunta vai transferir aos concellos para afrontar o canon "xa son dos concellos como parte do Fondo de Cooperación Local"
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) Alberto Varela considera que "non hai xustificación" para a suba aos concellos do canon de Sogama a 66 euros por tonelada de lixo tratada nas instalacións da empresa en Cerceda. Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega. Sogama deulle luz verde á nova contía na reunión que este mércores celebraba o seu Consello de Administración.
Alberto Varela afirma: "Nese Consello de Administración de Sogama, o que se nos trasladou é que as alegacións que realizou a Federación Galega de Municipios e Provincias excedían do ámbito de competencias de Sogama e que tería que ser a Xunta de Galicia a que as aceptase ou non. Valeunos ao Consello de Administración para reiterar a nosa posición, para manifestala e para dicir que esperariamos a que decidise a Xunta de Galicia se atendía as consideracións da Fegamp ou non".
A Xunta insiste en que a actualización dese canon por asumir a xestión do tratamento de residuos responde a unha decisión do Goberno central ao transpoñer unha directiva comunitaria que grava a incineración e que está tendo un impacto económico no custo do servizo, que se cifraba no 2023 en 22 millóns de euros.
O presidente da Fegamp critica que se xustifique calquera suba do imposto nunha norma estatal "cando é a Xunta a que ingresa ese tributo". Alberto Varela di: "Ese imposto está recadado pola Xunta de Galicia e queda nas arcas da Xunta de Galicia. Un imposto que está transferido á comunidade autónoma e pódense estar recadando uns 12 millóns. Entón hai maneiras de que non haxa ningún tipo de suba e mesmo que se puidesen manter as bonificacións que se están aplicando aos contribuíntes para mellorar a xestión dos residuos. Levamos moito tempo falando de que é un imposto estatal polas esixencias que marca Europa, pero eses cartos están sendo recadados integramente pola Xunta de Galicia e quedan nas arcas da comunidade autónoma. Non hai xustificación, polo menos, en opinión da maioría dos concellos".
A Xunta di que vai transferir aos concellos 9 millóns de euros ás 295 entidades locais adheridas a Sogama para que lle poidan facer fronte a esa suba. O presidente da Fegamp explica: "Eses cartos xa son dos concellos. Esa é outra cuestión que estamos defendendo sempre os concellos. Os concellos temos dereito polo Constitucional a ser financiados tanto con parte dos ingresos do Estado coma da Comunidade Autónoma. Eses fondos que se nos van transferir son parte do Fondo de Cooperación Local, polo que xa son cartos dos concellos que se podían dedicar a outra cousa. Ademais, se me estás por un lado transferindo cartos pero por outro xa cho estou pagando eu e co imposto vas quedar ti, non estás dando nada. Iso é o que estamos reivindicando os concellos".
Insiste: "Non se nos está dando nada. A factura claro que pode encarecer se non se nos transfiren eses fondos que son nosos, pero é que xa son nosos como parte do Fondo de Cooperación Local. O que non se está dicindo é que eses fondos, ese imposto que é parte da xustificación desa suba do canon, quedan nas arcas da Xunta de Galicia. Pois que falen con Sogama e artellen a maneira de que non haxa esa suba porque os cartos quedan nas arcas da Comunidade Autónoma".
Na Fegamp, Alberto Varela di: "Estase falando de que a suba é ata os 66 euros, pero durante uns meses serán 68 e durante o segundo semestre 70 e pico. Hai unhas bonificacións que se estaban aplicando aos contribuíntes que van deixar de aplicarse. Os concellos estamos facendo un esforzo moi importante por asumir os custos que supón a xestión dos residuos e o depósito en Sogama".
Afirma: "Aqueles concellos que estaban bonificados van ver que non teñen esa bonificación. Sogama estábanos facendo esa bonificación por tonelada que se depositase. O debate non debe estar aí se ese imposto foi establecido polo Estado, senón quen vai recadar ese imposto. Ademais, eliminar as bonificacións non vai na sintonía do que se está pedindo, que as bonificacións se establecían para aqueles concellos que estaban facendo unha boa xestión dos residuos. Se, ao final, imos tratar a todos por igual, vai desincentivar as boas políticas de xestión de residuos".