Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alcoa asegura que o vindeiro luns comeza o reinicio das cubas da planta de San Cibrao

Alcoa asegura que o vindeiro luns comeza o reinicio das cubas da planta de San Cibrao

A empresa asegura que "traballa nunha solución a longo prazo" e que "está comprometida a explorar todas as posibles vías para aliviar a delicada situación financeira da planta"

José Antonio Zan: "Queremos que, se intervén Alcoa, a SEPI manteña parte das accións"

G24.gal 26/01/2024 10:48 Última actualización 26/01/2024 11:04

Aluminio Español, filial de Alcoa en España, confirmou este venres aos traballadores da planta de San Cibrao que os traballos para reiniciar as 32 primeiras cubas de electrólise da planta de aluminio comezarán este luns, 29 de xaneiro.

Será para cumprir así co prazo estipulado no acordo de viabilidade, en que se recolle que as mesmas estean en marcha a partir do 1 de abril.

Así mesmo, nun comunicado, Aluminio Español asegura que "está comprometida a explorar todas as posibles vías para aliviar a delicada situación financeira da planta, á vez que traballa nunha solución a longo prazo para San Cibrao".

"O pasado luns 22 de xaneiro, Aluminio Español trasladou unha petición ao Comité de Empresa para acordar un aprazamento do reinicio, co fin de preservar o efectivo dispoñible e as liñas de crédito. A entidade propuxo o atraso por ser a opción máis lóxica financeiramente, dado que os fondos dispoñibles para as operacións en San Cibao son limitados", aclara.

A empresa insiste en que "consumir ese diñeiro máis rápido, mediante o rearranque, esgotará eses fondos antes e acurtará a marxe de tempo para lograr unha solución a longo prazo satisfactoria".

Con todo, precisa, "o Comité de Empresa non deu o seu apoio á solicitude de aprazamento".

“Aluminio Español considera necesario traballar de maneira conxunta con todas as partes interesadas para atopar unha solución. Non houbo ningún incumprimento do acordo de viabilidade e non se tomou ningunha decisión sobre o futuro de San Cibrao", aclara.

Así mesmo, Aluminio Español comprométese "a explorar todas as posibles vías" e a seguir traballando "co Goberno de España, a Xunta de Galicia e outras partes implicadas nunha solución de longo prazo para San Cibrao".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade