Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alcoa conecta as dúas primeiras cubas á rede eléctrica para o rearranque

Alcoa conecta as dúas primeiras cubas á rede eléctrica para o rearranque

A empresa asegura que as tarefas para o rearranque da planta de alumino "marchan segundo o previsto"

Os sindicatos pregúntanse que intencións ten a empresa: "Unha compañía non pode dicir 'eu vou cumprir o acordo, pero non teño fondos para máis alá de agosto'"

O PPdeG rexeita que Rueda compareza no Parlamento para explicar a situación de Alcoa

G24.gal 28/01/2024 21:20 Última actualización 29/01/2024 19:37

Alcoa conectou na tarde deste luns á Rede Eléctrica Española as dúas primeiras cubas de electrólise comprometidas cos traballadores da planta de San Cibrao  para proceder a un rearranque que será efectivo "dentro de sete días".

Así o comunicou o presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao, José Antonio Zan, quen informou de que "as cubas 104 e 108 da serie B da electrólise" serán as encargadas de fabricar o baño electrolítico que permita "ir arrincando outras cubas á súa vez".

Os traballos comezaron no complexo industrial de Cervo tres días despois da reunión da mesa de seguimento de Alcoa celebrada no Ministerio de Industria o pasado venres. Unhas actuacións que, apuntan desde o comité de empresa, deberían empezar o 15 de xaneiro para contar "con marxe" de actuación no caso de que se produza algún fallo xa que, alertaron, "hai moitos sistemas que non se comprobaron".

"Van atrasados sobre as previsións. En calefacción tiñan que poñelas o día 15 de xaneiro. Agora é máis arriscado porque se hai calquera fallo durante o rearranque non van poder cumprir coas 32 cubas arrincadas que teñen asinadas para o 31 de marzo", explicou, en declaracións a Europa Press, José Antonio Zan.

Os primeiros pasos para o reinicio das cubas de electrólise da planta de aluminio de San Cibrao, fundamentais para o cumprimento do plan de viabilidade asinado entre a compañía e a representación dos traballadores, acometéronse en decembro de 2023 coa selección e a preparación dos primeiros tanques, que serán rearrancados, de cumprirse a folla de ruta prevista, o 5 de febreiro.

"O máis importante non é que se poña en calefacción agora ou se arrinquen a semana que vén. O máis importante", -aseguraba Zan no informativo Bos días da TVG-, "é que teñamos claras as dúas administracións que pasa con Alcoa? Que quere facer Alcoa? Unha compañía non pode dicir 'eu vou cumprir o acordo, pero non teño fondos para máis alá de agosto'. Non, se é que o acordo vai ata o ano 2027, así que vostede non pode dicir que non ten fondos".

Pola súa banda, a empresa Alcoa asegura que as tarefas para o rearranque da planta de alumino "marchan segundo o previsto"

O representante dos traballadores preguntábase ademais "que pasa co investimento do forno de cocción? Porque ese investimento non só que sexa 109 millóns, senón que dá traballo a todas as empresas exteriores que acabarían en xuño con outro investimento que é a das barras de compensación, co que non perderíamos empregos nesas empresas exteriores e para nós é fundamental porque se durante dous anos ou dous anos e medio máis temos ese emprego asegurado lograríamos ter todo o paquete, que é o que se asinou".

"Isto foi o que se asinou: un acordo en conxunto e é o que pedimos que se cumpra, e se Alcoa non quere facelo é a súa responsabilidade e os gobernos teñen que aplicarse na medida que lle corresponda a cada un", di o presidente do comité de empresa.

"Non ten sentido ningún por onde está indo a compañía", critica Zan: "Agora veñen lanzando proclamas cando se lle estivo dicindo durante dúas semanas que como podía dicir que tiñan problemas económicos e non pedían axuda e resulta que agora piden o PERTE ás présas e sen consultar coas administracións, que o venres na reunión non o sabían. E é ben triste porque desde a administración central se lles ofreceu a man para negociar as axudas e apoialas no que necesitasen".

"Como pensan cumprir un acordo se din que non teñen diñeiro para cumprilo?", conclúe José Antonio Zan.

Pola súa parte, a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, insistía este domingo nunha entrevista na Cadena Ser en que a empresa lles trasladou unha situación financeira "complexa".

Asegurou que o Goberno pon á súa disposición todos os instrumentos de axuda de investimentos pero que Alcoa debe identificar as necesidades concretas que ten. Afirmou en que neste momento o Goberno descarta unha intervención da factoría.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade