Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alcoa solicita ao comité de empresa atrasar o rearranque das cubas de San Cibrao

Alcoa solicita ao comité de empresa atrasar o rearranque das cubas de San Cibrao

A dirección da compañía pídelles aos empregados "flexibilidade e apoio" e di que traballa nunha "solución a longo prazo"

A Xunta urxe a convocar a mesa de seguimento e pídelle transparencia á empresa

O Goberno convoca o comité de Alcoa para unha reunión urxente

G24.gal 22/01/2024 12:57 Última actualización 22/01/2024 21:27

A dirección de Alcoa, nunha carta remitida aos traballadores, informou de que lle solicitou este luns ao comité de Empresa "atrasar a data do 1 de abril de 2024" para o rearranque das 32 primeiras cubas da fábrica de aluminio primario do complexo industrial da Mariña.

"Como xa coñecen, o complexo de San Cibrao espera incorrer en perdas substanciais en 2024. Se a situación non cambia significativamente nos meses vindeiros, anticipamos que o financiamento actual esgotarase durante a segunda metade do ano", precisa a compañía nese escrito.

Por iso, informa de que está "a analizar todas as formas posibles para aliviar a situación", á vez que traballa "nunha solución a longo prazo" para o complexo industrial de San Cibrao.

"Por tanto, é prudente revisar calquera acción que podamos activar para protexer os fondos remanentes mentres vemos se hai un plan de negocio viable que poida asegurarse para o complexo. Para iso, necesitaremos flexibilidade e apoio de todas as partes, incluíndo dos representantes dos traballadores" engade a compañía.

"Para este fin", a empresa solicítalle ao comité un acordo para atrasar o rearranque das cubas. "No contexto actual, estamos a explorar calquera acción posible para protexer o efectivo dispoñible, e identificamos este atraso como unha oportunidade", xustifica.

Segundo os seus cálculos, "o cumprimento do compromiso inicial respecto diso das 32 cubas gastará máis rápido os fondos existentes na compañía, e por tanto non ten sentido económico".

A empresa tamén pon prazos. "Pedímoslles que nos respondan a esta solicitude non máis tarde deste mércores 24 de xaneiro", precisa. De feito, proponlle unha reunión ao comité para o mércores por se estima "necesario discutir deste asunto antes da súa contestación".

"Unha vez recibida a súa resposta, poñerémonos de novo en contacto a finais desta mesma semana para confirmar próximos pasos respecto diso. Entendemos que é unha petición difícil, pero estamos obrigados a solicitala dado que un atraso iría no interese do complexo de San Cibrao e dos seus traballadores", conclúe. 

Na tarde deste luns o Goberno convocou o comité de Alcoa para unha reunión urxente que terá lugar este martes por videoconferencia a raíz deste posible retraso de rearranque das cubas.

A semana pasada xa a dirección da empresa advertía de "decisións difíciles" que terían efecto sobre o emprego. Ao presentar as súas contas do exercicio pasado, o presidente da compañía aseguraba que "as condicións actuais do mercado, incluído o custo da enerxía, non apoian un reinicio economicamente viable".

O comité de empresa, á espera de saber que contesta á solicitude que Alcoa lles presenta hoxe, respondía a esa advertencia coa esixencia á multinacional do aluminio a cumprir co acordado e ao Goberno que interveña para resolver esta situación.

A Xunta urxe a convocar a mesa de seguimiento de Alcoa 

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, volveu a reclamar unha mesa de seguimento de Alcoa para que a empresa defina os plans que previu para a planta de San Cibrao despois de que a dirección da multinacional anunciase a posibilidade de atrasar o rearranque das 32 primeiras cubas da fábrica.

A titular de Economía pediulle á empresa “transparencia e concreción” despois deste novo escenario que xera “un clima de inseguridade” para os traballadores e tamén para as administracións.

A Xunta ofreceu colaboración á empresa e insistiu en que a prioridade é o mantemento do emprego aínda que, para iso, necesitan saber “en que podemos apoiar a Alcoa”. A conselleira urxiu así un “calendario de actuación” e coñecer as “medidas concretas” que prevé tomar.

Na súa opinión, estas cuestións deberían abordarse na mesa de seguimento, presidida polo Goberno central. Ao tempo, a Xunta volveu a demandar medidas que permitan “abaratar” os prezos da enerxía para as industrias electrointensivas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade