Publicador de contidos
Publicador de contidos

Retornos de verán: "Na miña aldea son uns sete todo o ano, pero agora seremos uns 25"

Retornos de verán: "Na miña aldea son uns sete todo o ano, pero agora seremos uns 25"

Aldeas e vilas do rural multiplican a súa poboación coa chegada do verán

Emigrantes, desprazados laborais e familiares retornan para pasar as vacacións

Os negocios ata triplican a actividade nestas semanas

G24.gal 08/07/2024 21:29

Se as andoriñas volven na primavera, no verán é tempo de que retornen os migrantes. Veñen pasar as vacacións nas vilas onde naceron e dos que hai anos tiveron que marchar. "A maioría vén de México, aínda que eu veño de Vigo. Levo moitos anos alá e sempre veño polas vacacións", comenta unha muller, veciña dunha aldea na montaña do concello de Avión.

Outros optan por pasar os días de descanso nos lugares de orixe de seus parentes. "Miña muller e meus sogros son de aquí, e todos os veráns vimos ata Camposancos para gozar das festas", sinala outro veciño ocasional.

Entre uns e outros enchen as vilas e aldeas do rural e incrementan a actividade de negocios que sobreviven todo o ano con apenas clientela: "Eu vendo o dobre ou o triplo. Xa se nota, si. Desde mediados de xuño ata mediados de agosto, veñen os emigrantes e os que están fóra. E menos mal, porque se non no inverno só estamos os da aldea", di a propietaria dun quiosco na rúa principal de Avión.

"O volume de paquetes é bestial, a verdade, e eu diría que en todos os lugares", conta unha moza, empregada do servizo de correos.

O aumento de poboación nótase especialmente nos núcleos máis pequenos, en que os veciños cóntanse cos dedos das mans. "Na miña aldea son uns sete todo o ano, pero agora seremos uns 25", asegura a primeira veciña.

Nas xornadas das festas patronais aproveitarán para xuntarse e saudarse. E se cadra, para despedirse ata o próximo verán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade