Alerta en Carballo pola proliferación de billetes falsos
Tres vendedores da ONCE foron vítimas do calote
Os estafadores lograron meterlles billetes de 50, 10 e 5 euros falsos
Verónica Cordero rexenta un quiosco da ONCE en Carballo e nos últimos días foi unha das vítimas do calote dos billetes falsos. Deuse conta canto recontaba a recadación.
Os estafadores intentan aproveitarse da discapacidade visual destes vendedores para cometer o calote. Tamén o lograron nunha ocasión con Serxio, que rexenta outro quiosco na localidade, pero o segundo intento xa non prosperou porque estaba alerta.
De menor contía foi o calote que sufriu Ruben, que coincide cos seus compañeiros en que os estafadores aproveitan os momentos de maior afluencia de xente para actuar, porque os collen coa garda baixa. A el coláronlle dous billetes de 10 e un de 5 euros falsos.
Aseguran que agora aumentaron a cautela e poñen máis atención en comprobar a autenticidade dos cartos. Verónica mesmo lle solicitou á empresa unha máquina para verificar os billetes.
Todos denunciaron na Garda Civil e entregaron os billetes falsos para que poidan dar cos autores dos calotes.