Alertan dos vapeadores como porta de entrada ao consumo de tabaco entre a mocidade
Alertan dos vapeadores como porta de entrada ao consumo de tabaco entre a mocidade
A Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía reclama unha lexislación máis estrita para frear este consumo
Nos últimos quince anos os especialistas observaron un cambio de tendencia. Desde entón, aseguran, o consumo de tabaco foi a máis. Un incremento que cualifican de exponencial no caso dos vapeadores.
"Xa está máis que demostrado que os vapeadores producen enfermidades pulmonares e están a facerse estudos para determinar se na larinxe e na farinxe tamén teñen algún tipo de afectación", apunta Miguel Mayo, otorrinolaringólogo do CHUAC.
Expertos alertan sobre a falta de percepción de risco por parte dos máis novos.
Explica o doutor Miguel Mayo: "Os menores de idade, como non hai mingunha lexislación clara ao respecto, poden compralos e consumilos sen ningún problema e non teñen a percepción de que sexa algo malo".
Gema García-Abril, xerente da Asociación Española Contra o Cancro da Coruña, sinala na mesma dirección: "Os mozos perciben que non hai o mesmo risco en consumir un cigarro convencional que un cigarro electrónico. Para eles o cigarro electrónico supón un rico moitísimo menor".
Na Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía reclaman unha lexislación máis estrita para frear este consumo.
A petición compártea a Asociación Española contra o Cancro (AECC). A súa xerente reclama: "Deben xerarse contornas que, por un lado, protexan a mocidade de comezar no consumo de tabaco a través de espazos sen fume, e, por outro lado, que se regule a publicidade nos medios e redes sociais".
A AECC participa nunha iniciativa europea co obxectivo de lograr a primeira xeración libre de tabaco e nicotina para 2030 co fin de protexer non só a saúde das persoas senón tamén a do planeta.