Alertan dun intento de estafa dun suposto comercial que vende cremas a domicilio
Alertan dun intento de estafa dun suposto comercial que vende cremas a domicilio
Detectáronse casos en Oleiros e en Lalín, pero nin rastro dos estafadores, polo menos un home e unha muller
Fanse pasar por comerciais dun coñecido hipermercado e, unha vez dentro da casa, mostran unha actitude violenta
Petan na porta e...
"Ofrécenlles unha cremas, que usan como gancho, e despois empézanlles a ofrecer unha serie de produtos dunha suposta cadea de supermercados, colchóns, sofás, robots de limpeza...", explica Pablo Cibeira, concelleiro de Comunicación do Concello de Oleiros.
O que a priori parece unha simple venda a domicilio non é tal. Primeiro, porque non forman parte dese supermercado que anuncian e, segundo...
"No momento en que os veciños lles din que non queren, está habendo algunha situación un pouco desagradable porque ese falso comercial se pon un pouco alterado. Son moi incisivos e rozan o violento", engade Cibeira.
De momento, non se puido identificar os supostos estafadores, pero sábese que son distintas persoas.
"Houbo un intento por parte dun home e outro por parte dunha muller. Repártense, están organizados", segundo explica o concelleiro.
Elixen as vítimas ao azar, ou non tanto.
"Os datos que temos é da zona norte do concello, que é onde hai máis casas unifamiliares e buscan persoas maiores, por esa indefensión por descoñecemento", advirte Pablo Cibeira.
Este intento de estafa xa se detectara hai uns anos en Chantada e nos últimos días déronse varios casos, tanto en Lalín coma en Oleiros. Dende o Concello avisaron a veciñanza e piden que, se petan na súa porta, avisen a Policía Local ou a Garda Civil.