Alertan dunha praga de ratas na Coruña
Alertan dunha praga de ratas na Coruña
Os veciños da Travesía da Gaiteira temen que se converta nun problema de saúde pública
Urxen o Concello a que desratice a zona
Os veciños da travesía da Gaiteira na Coruña levan tempo alertando dunha praga de ratas que hai na zona. Din que proceden dun edificio que leva anos abandonado.
Paulo Sexto Gantes, da asociación de veciños Oza, Gaiteira, Os Castros, asegura que as ratas son moi grandes; di que incluso intimidan os gatos.
Moncho García veciño da zona di que é normal que haxa ratas porque teñen un montón de colectores de lixo enfronte; asegura que é como se tivesen un supermercado 24 horas.
A presenza de roedores nesta rúa peonil tamén ocasiona graves prexuízos aos comerciantes da zona.
Mari Cruz ten unha mercería na travesía da Gaiteira, di que ten que poñer unha madeira dun metro de altura para que non lle entren no seu negocio.
Dende a asociación de veciños Oza, Gaiteira, Os Castros piden ao Concello que actúe canto antes para que isto non se converta nun problema de saúde pública.
Lembran que as ratas transmiten enfermidades e que poden ser un perigo tanto para as persoas coma para os animais que pasan pola zona.