Alfonso Rueda defende a Lei do Litoral aprobada pola Xunta de Galicia
Alfonso Rueda defende a Lei do Litoral aprobada pola Xunta de Galicia
O presidente galego di que a lei dá seguridade a empresas que xeran 9.000 millóns de euros ao ano
O presidente da Xunta Alfonso Rueda volveu defender que a nova lei do litoral dá seguridade ás empresas da cadea mar industria, un sector que xera 9.000 millóns de euros ao ano e cuns 40.000 empregos directos.
Rueda, que este luns visitou as instalacións de Mariscos Daporta, en Cambados, lembrou que este sector supón un 5 % do PIB galego, polo que cualificou a súa actividade como "clave" para a economía de Galicia.
A normativa aprobada pola Xunta de Galicia, segundo o presidente galego, ofrece "garantías xurídicas" a unhas 4.000 edificacións, entre empresas, vivendas ou centros de saúde, presentes no litoral galego e que a actual lexislación estatal "poñía en risco".
Sostivo que o obxectivo desta nova lei é "garantir o equilibrio" entre a conservación do litoral e as actividades estratéxicas que se desenvolven en territorio marítimo.
O presidente da Xunta insistiu en que un sector tan vinculado ao tecido produtivo galego precisa "garantías e estabilidade", algo que non ofrece a actual normativa de costas do Goberno.
A lei estatal, denunciou o titular do goberno galego, é "moi restritiva e contraria aos intereses de miles de postos de traballo e moitísimas empresas", ao buscar que o litoral quede libre de calquera actividade "sen ter en conta a realidade de cada territorio".
"Non ten sentido unha norma que trata todo o litoral de España por igual", concluíu Rueda, que defendeu que Galicia "vive do seu mar coidando do seu mar".