Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda entrega máis de 7.000 avais para formalizar a súa candidatura a liderar o PPdeG

Rueda entrega máis de 7.000 avais para formalizar a súa candidatura a liderar o PPdeG

Avanzou que dará continuidade ao traballo feito por Feijóo no partido, pero tamén prevé imprimir o seu propio "estilo Rueda" no traballo diario e no organigrama.

G24.gal 28/04/2022 09:57

O vicepresidente primeiro da Xunta e líder do PP provincial de Pontevedra Alfonso Rueda entregou este xoves máis de 7.000 avais para formalizar a súa candidatura a liderar o PPdeG tras o salto á política estatal dado por Alberto Núñez Feijóo, xa xefe de filas do partido en España.

Antes de dirixirse ao Consello da Xunta, o último que presidirá Feijóo antes de entrar en funcións, debido a que dimitirá de inmediato, Rueda fixo unha parada na sede autonómica do partido, onde entregou as firmas que sustentan a súa candidatura, que será a única, tras recibir o apoio dos outros tres presidentes provinciais e principais dirixentes do PPdeG.

"É unha enorme responsabilidade que tantas persoas nas catro provincias manifesten o seu apoio neste momento", manifestou Rueda.

O que será sucesor de Feijóo na Xunta e no PPdeG avanzou que dará continuidade ao traballo feito por Feijóo no partido, pero tamén prevé imprimir o seu propio "estilo Rueda" no traballo diario e no organigrama.

"O estilo Feijóo, que era boísimo, vai ter unha continuidade en moitísimas cousas, pero tamén espero que haxa un estilo Rueda e un estilo do equipo que vai acompañar a Rueda e que se verá no organigrama que farei", afirmou. 

Rueda entregoulle á presidenta do comité organizador do conclave, Elena Candia, os apoios para dirixir o Partido Popular de Galicia. O lema do seu proxecto é "Galicia, o camiño a seguir", e ese camiño, di, é o das políticas útiles, a estabilidade e a unidade.

"A prioridade segue sendo para o que nos deron o seu apoio os galegos durante catro maiorías absolutas, que é que gobernemos e que deamos ese exemplo de partido modélico, que sabe facer unha transición dende a unidade. Non somos o partido socialista nin o BNG. O congreso non é para elixir bando, é para seguir unidos", dixo Rueda.

Peza importante dese organigrama será o secretario ou secretaria xeral. Rueda só adianta que esa persoa ten que coñecer a formación e traballar intensamente por un partido unido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade