Alfonso Rueda, proclamado presidente da Xunta, sexto da historia autonómica
Alfonso Rueda, proclamado presidente da Xunta, sexto da historia autonómica
O candidato do PPdeG, que sucederá a Núñez Feijóo, recibiu os votos do seu grupo, 41, fronte aos 33 en contra que lle deron os deputados do BNG e PSdeG
Alfonso Rueda recibiu a confianza do Parlamento Galego cos votos do seu partido, o PPdeG, para ser o novo presidente da Xunta de Galicia, cargo do que tomará posesión o vindeiro sábado.
Quen será o sexto presidente autonómico de Galicia non recibiu o apoio dos grupos da oposición, BNG e PSdeG, cuxos portavoces defenderon a súa alternativa a Rueda, en quen ven "o pasado" de Galicia.
Rueda recibiu 41 votos a favor en lugar de 42, xa que o portavoz do grupo do PPdeG, Pedro Puy, sufriu unha indisposición tras a súa intervención no debate.
En contra recibiu 33 votos, todos os do BNG e o PSdeG, incluído o da deputada nacionalista Montse Prado, ausente na sesión, que xustificou a súa inasistencia e delegou o voto previamente.
A pesar dese voto contrario dos dous partidos da oposición, Rueda asegurou que non renuncia a convencelos e subliñou que considera clave as súas achegas para o impulso dun "proxecto de país".
Foi nun escenario no que cada un grupo se centrou en deixar a súa mensaxe e coas dúas forzas da oposición reivindicándose como alternativa. Rueda ironizou coa "investidura dos mundos de yupi" de Pontón, que mostrou a súa cara máis 'presidencial', mentres lle lembraba que o candidato este xoves era el.
"Será continuidade da boa"
O candidato deixou claro que non renuncia á herdanza do seu antecesor e que prevé seguir a liña que iniciou Feijóo co "aval" dos galegos nas urnas. "A nova etapa non estará marcada pola ruptura. Será continuidade da boa. Non hai razón para bruscas sacudidas", dixo.
Despois de proclamar o seu "orgullo" polo feito nos 13 anos de mandato, saudou de forma efusiva a Feijóo no momento no que baixaba da tribuna e os dous fundíronse nunha aperta. Ambos xuntos nun primeiro instante e despois Rueda en solitario saudaron ás bancadas populares, no medio dunha prolongada ovación. Aínda que o aplauso máis longo chegou unha vez investido, igual que un novo saúdo entre Feijóo e sucesor.
Votación
Por orde alfabética, e despois de comezar por sorteo pola popular María Felisa Rodríguez Carreira, todos os deputados presentes na Cámara galega fóronse pronunciando desde os seus escanos chamados pola secretaria da Mesa do Parlamento, Corina Porro. Un erro de Porro, que saltou unha páxina ao ler a listaxe de parlamentarios, provocou uns minutos de dúbida acerca de se sería necesario volver empezar, o que finalmente non sucedeu.
Xa ratificada a elección parlamentaria de Alfonso Rueda, a líder do BNG, Ana Pontón, e o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, saudaron ao novo presidente, e tamén a Alberto Núñez Feijóo.
Agora, o xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, cumprimentará o seguinte trámite e enviará unha comunicación telemática oficial da súa elección parlamentaria ao rei Filipe VI.
Xa o sábado, Rueda tomará posesión do seu cargo no Parlamento.
Minuto a minuto
Comeza a intervención do voceiro socialista Luís Álvarez
Álvarez agradécelle a Feijóo o traballo que realizou durante os 13 anos como presidente da Xunta
Álvarez di que non viu propostas frescas no discurso de Rueda
Álvarez: "O seu modelo demostrou non ser útil para os intereses dos galegos e das galegas"
Álvarez: "En sanidade, o seu discurso é triunfalista e terxiversado"
Álvarez dille a Rueda que cando o PP chegou á Xunta atopou unha atención primaria que funcionaba e agora as esperas son "o pan de cada día"
Álvarez: "O saldo que deixa Feijóo en educación é o de pechar 138 centros de ensino público"
O voceiro socialista manifesta que a política económica de Rueda carece de enfoque
Álvarez: "Canto vai supor a redución do IRPF nas familias galegas? Moi pouco"
O voceiro socialista di que falta unha política activa de organización territorial
Álvarez: "En 13 anos, Galicia perdeu máis de 100.000 habitantes"
Álvarez dille a Rueda que a visión de igualdade e feminismo continúa oca
Álvarez dille a Rueda que os socialistas fan política no Parlamento e non na Carrera de San Jerónimo
Álvarez: "Vive mellor poñéndolle deberes aos demais antes que facelos vostede"
Álvarez: "Non foi capaz de trasladarlle a esta cámara un proxecto de futuro"
Álvarez di que van presentar un proxecto que quere construír un país de futuro
Álvarez: "O PSdeG ten deseñada unha alternativa de goberno libre de ataduras"
Álvarez dille a Rueda que a súa proposta é vella e esgotada
Remata a intervención de Luís Álvarez
Comeza a súa intervención a voceira do BNG, Ana Pontón
"Moitas persoas pregúntanse cantos obstáculos máis van ter que superar, que futuro lles espera aos nosos fillos e fillas?", comeza dicindo Ana Pontón
"A todas esas persoas quero dicirlles que Galicia é un país con futuro", asegura a voceira do Bloque
Ana Pontón di que "empezou a conta atrás para o cambio de Goberno na Xunta, e nesa conta atrás, señor Rueda, vostede vai ser un presidente accidental. Non convocan eleccións porque saben que as perderían"
"Recordamos a imaxe do señor Rueda de ganchete cos colectivos máis reaccionarios con respecto á nosa lingua do país", di Pontón
"Do seu paso polo Goberno non recordamos ningunha proposta", di a voceira do BNG
"218.000 son os mozos e mozas que emigraron, nunha Galiza que ten unha crise demográfica brutal", di Pontón
"600.000 persoas en risco de exclusión no noso país", asegura Pontón, que repasa as cifras do que asegura é a herdanza que deixa Feijóo
Pontón pregunta: "Incrementaron a débeda e en que a gastaron?"
O presidente do Parlamento pide silencio aos deputados e Ana Pontón di: "Vexo moito nerviosismo"
"Señor Rueda, fixo vostede unha intervención gris, sen ambición e sen proxectos", asegura Pontón, "e na miña intervención demostrarei que hai alternativas"
Pontón explica as medidas que tomaría se o Bloque gobernase
Ana Pontón explica as dez directrices do BNG para gobernar Galicia, "empezando por reforzar os servizos públicos", facendo mención especial á sanidade
"Nunca máis a vellez como negocio", sentencia Pontón
"Hai que poñer a riqueza de Galiza a producir", manifesta a voceira do BNG
"Todos os países avanzados teñen un rural forte e queremos ser un deses", afirma Pontón
"Sen ciencia non hai futuro", di Ana Pontón, que defende un incremento de investimentos en I+D+i
"Fronte ao PP que apadriña un boom eólico depredador", di Ana Pontón, "eólica si, pero ao servizo de Galiza, porque o vento non é das empresas, é dos galegos e as galegas"
Ana Pontón di que o BNG avanzará no autogoberno, con autonomía financeira, e "defenderá ter a chave dos nosos cartos"
Pontón pide que as empresas que explotan os recursos de Galicia "tributen aquí"
"Hoxe hai centos de galegos e galegas que se teñen que erguer cedísimo porque lle recortaron no tren", di Ana Pontón, que propón un servizo de proximidade
Pontón fai fincapé na loita contra a violencia machista á que di que non se pode chamar "violencia intrafamiliar"
"Hai que acabar co disparate e acabar coa escola desgaleguizadora", di Ana Pontón, quen asegura que "hai centos de nais e pais que denuncian que os seus fillos entran na escola falando galego e saen falando castelán"
"Nunca cruzaremos ningunha porta xiratoria", asegura Ana Pontón
"Hoxe o PP representa o pasado e o BNG o futuro", di Pontón, que remata a súa intervención
Comeza a súa intervención o voceiro do Grupo Popular, Pedro Puy.
O voceiro popular defende que "a estabilidade institucional que gozamos e a confianza dos nosos concidadáns nela é posiblemente unha das mellores herdanzas que recibe o candidato".
Puy dilles "ás oposicións" que "poucas cousas máis normais e institucionais poderán darse nunha democracia parlamentaria que a elección do presidente do Goberno, neste caso da Xunta, no seu Parlamento".
"Fronte a esta obvia normalidade", asegura Puy que nacionalistas e socialistas poñen en dúbida a lexitimidade de Rueda para a presidencia da Xunta, "lexitimidade que lle vén dada polas mesmas fontes de lexitimidade democrática coas que a señora Pontón e o señor Álvarez representan os seus electores nesta cámara".
Puy defende que "é bo para Galicia que o líder da oposición parlamentaria en España leve a Galicia na cabeza" e exerza"ese liderado impregnado de galeguismo e respecto polo estado autonómico, pola autonomía das nacionalidades e rexións que o integran e pola súa realidade plurilingüística e cultural".
O voceiro popular asegura que "temos feita unha transición exemplar, lexítima e que imbrica e reforza o carácter sistémico de corte federal do noso Estado das autonomías".
"Compartimos a diagnose feita polo candidato", afirma Pedro Puy, e tamén "o seu propósito de actuar de maneira coordinada cos obxectivos da Estratexia 2030".
O voceiro do PPdeG critica a "lentitude" do Goberno central en axilizar os fondos destinados aos PERTE: "Dos 33.700 millóns destinados aos 9 PERTE xa aprobados, só 4.000 están xa en convocatoria", e dos tres proxectos presentados por Galicia "aínda non hai resposta".
En materia de servizos públicos, Puy gaba "as melloras do noso sistema educativo", especificamente "o avance na Formación Profesional".
"Lonxe do seu discurso catastrofista", dille Puy á oposición, "a sanidade pública mellorou nestes últimos anos en todos os parámetros", e engade que hai "un 17 por cento máis profesionais na sanidade pública galega respecto do 2009".
No que respecta ás listas de espera na sanidade, o parlamentario popular di que "temos un balance dos mellores de todas as comunidades autónomas" e "a máis baixa taxa de mortalidade por 100.000 habitantes tras unha pandemia".
Pedro Puy acusa "as oposicións" de "distorsionar o debate" porque se vota "a investidura de Alfonso Rueda e non o programa nin a investidura de ningún outro candidato ou candidata".
Comeza a intervención do candidato á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda.
"A vostedes sobráballes a sesión e investidura porque xa dixeron a semana pasada que dixese o que dixese ían dicir que non", critica Rueda
"Tanto eu como o meu grupo a Galicia ímoslle dicir que si", di Rueda
Rueda: "Señora Pontón, benvida á súa sesión de investidura, virtual. Espero que gozase". "Desde a cordialidade máis absoluta, o sábado será o meu primeiro día como presidente da Xunta e vostede levará 6144 días na política". "Voulle pedir algo de humildade".
"Nas últimas eleccións do ano 2020, o PP logrou o 48 % dos votos e vostedes non chegaron ao 23 %. Iso foi o que elixiron os galegos", di Rueda
"Señor Álvarez, é dificil saber se se pode chegar a pactos con vostedes", dille Rueda ao voceiro socialista, porque son un "partido de mapa e cantimplora", "non se sabe con quen falar".
"Vostede é o voceiro 10 ou 11, perdoe que non o saiba, do PSdeG. Tiveron o enésimo lío, e “inténtao o facer o mellor que pode” pero “pídolle respecto", di Rueda
"Articulei o meu discurso en base a traballo, familia e futuro. Non sei que problema teñen coa familia, nós respectamos todos os modelos", di Rueda. "Falamos do que queremos, aquí non falamos de espías".
"Feijóo e Tellado seguirán sendo servidores de Galicia desde o Senado", asegura o candidato á presidencia da Xunta
"Que falen de liortas internas os socialistas como fixeron estes días", di Rueda, "pois no lugar onde se celebrou a última elección do seu líder aínda se escoita 'tongo, tongo, tongo'"
"Señora Pontón, é mellor estar calado que nomear a guerra de Ucraína", di Rueda. "Sentín vergoña allea como galego de que sexa capaz de negarlle o aplauso a quen está xogando a vida pola liberdade dun pobo é vergoñento", referíndose á intervención de Zelenski.
"Señor Álvarez, ten un problema coas filas. Ou llas dan mal ou mente". "Isto é o Parlamento, hai que ser rigoroso", apunta Rueda
"Vostedes subiron os concertos de Sanidade un 40 %. Nós chegamos no 2009 e empezámolos a conxelar. Que nos están contando das privatizacións", dille Rueda ao voceiro socialista
Rueda di que o ano que emigrou máis xente foi no 2007 e que "estaba gobernando o bipartito", "é bo que se meta ese dato na cabeza. Igual que o dato da fenda salarial. Somos a sexta comunidade coa fenda salarial máis baixa e hai que seguir baixando".
"Falaron de educación e o discurso é o de sempre, non queren ver a realidade", dille Rueda aos voceiros da oposición. Temos unha ratio alumno/profesor que é a mellor de España, 9,2 fronte a 11,3 de media. Somos a terceira comunidade en gasto educativo".
Alfonso Rueda pídelle á oposición que non poñan problemas aos proxectos industriais de Galicia e que o compromiso de financiamento sexa para todos o mesmo, que Galicia poida competir en condicións de igualdade.
Referíndose á execución de vivenda, di Rueda que a oposición ten as cifras terxiversadas en canto aos millóns que din que temos sen gastar. "Á parte dos problemas que temos en concellos socialistas e do BNG ou en coalición coa concesións de licenzas", Rueda asegura que se executou o 80 por cento do presupostado.
"Hai que ser moito máis serios", dille Rueda a Pontón, "solta aquí o concerto económico galego como se fose unha panacea. Sempre está con fórmulas que non van a ningunha parte. Esa é a diferenza entre un Goberno que intenta non mentirlle á xente e non facer nada que non se poida facer. Ao mellor por iso levamos 13 anos aquí e vostedes trece anos aí".
"Tivemos a segundo mellor suba de Galicia do PIB", di Alfonso Rueda, "case un 20 % de subida desde o ano 2009. Creo que isto é meritorio. Este crecemento débese segundo o candidato ao esforzo das familias, ao crecemento do sector téxtil, automobilístico, o sector marítimo... e vostedes seguen dando cifras que non son así".
O candidato á presidencia da Xunta di que hai cifras "récord de contratación indefinida, e non de agora, durante a pandemia. Iso significa que aquí había alicerces sólidos economicamente.
"Temos un desafío fundamental, o desafío demográfico. Vostedes xa non quixeron apoiar a primeira lei, non estiveron daquela a altura", dilles Rueda a oposición. "Agora espero que apoien o seu desenvolvemento".
"Estamos traballando na conciliación, dobre de prazas en infantil e primaria", apunta Rueda, e critícalle á oposición que non consideren os campamentos de verán "que si agradecen as familias e lle son útiles", "aínda que vostedes non os precisen".
"Hai que animar os rapaces que estuden o que queiran e o poidan facer en Galicia", e que é moi importante o desenvolvemento da FP, di Rueda
Comeza a réplica do voceiro do PSdeG-PSOE, Luís Álvarez
Rueda lembra para rematar os cartos que lles debe o Goberno do Estado.
Luís Álvarez dille a Rueda que "nós si temos respecto institucional"
Álvarez: "Ten o meu respecto, pero non teño tan claro se eu teño o seu"
O voceiro socialista di que Rueda "ten unha oferta de diálogo sen insultos"
Álvarez di que o discurso de Rueda "volve manifestar que non hai respostas aos problemas dos galegos e que segue sen convencernos"
Álvarez: "Adopte o compromiso de se vai vostede apoiar os proxectos transformadores dos nosos recursos"
Álvarez di que ten a man tendida para resolver todos os gravísimos problemas dos galegos
Ana Pontón comeza a súa segunda intervención.
"Todo o mundo sabe que vostede chega á presidencia de maneira accidental e o accidente chámase corrupción no Partido Popular", dille Pontón a Rueda.
A voceira do BNG censúralle ao candidato popular "que veña vostede aquí presumir do orzamento de atención primaria", porque "en pleno 2022, cunha pandemia, vostedes rebaixaron o orzamento de atención primaria".
Pontón: "Preocúpame ver cal é o estilo Rueda: ante un problema, inventa un dato".
A líder do BNG asegura que o PPdeG non quere competencias autonómicas nin autonomía fiscal. "Os galegos e galegas pagamos impostos e temos dereito a que revirtan nunha mellor capacidade" e para iso, dixo, "hai que ter a chave dos nosos cartos".
"Si a Galiza, si á sanidade pública, si a defender un rural vivo, si a un país produtivo, onde a mocidade non teña que emigrar, unha Galiza orgullosa da súa lingua da súa cultura. Sei que esa Galiza está máis cerca", conclúe Pontón.
Comeza a segunda intervención do grupo parlamentario do PPdeG. Interven o vice-voceiro do PPdeG Miguel Tellado en substitución de Pedro Puy.
Tellado comeza desexando unha pronta recuperación a Pedro Puy
Tellado comeza lembrándolle a Alvarez que se esquecen de cal é a súa posición no parlamento e que desde esa posición pretende cuestionar a lexitimidade do partido maioritario da cámara avalado polo 48 % dos galegos que votaron nas últimas eleccións autonómicas.
O presidente Rueda terá a mesma lexitimidade democrática que Feijóo, di Tellado. Engade que o PSdeG só ven defender o Goberno de Sánchez, que cando hai que elixir "entre Galicia e Sánchez sempre elixen Sánchez. Fixérono co peche de Alcoa, da térmica das Pontes" "Cando van abandonar o sucursalismo?
"Ten que aceptar que Galicia é a comunidade coas taxas universitarias máis baixas, máis profesores por alumno, lle guste ou non", dille Tellado álvarez. "A mellor educación pública que nunca tivo Galicia".
Finaliza a súa intervención Miguel Tellado
Última quenda para Alfonso Rueda
Rueda inicia a intervención desexando que a indisposición de Pedro Puy "quede niso, só nunha indisposición"
“Para unha persoa cunha renda baixa, pagar un 25 % menos que cando chegamos ao goberno é moi importante”, dille Rueda á voceira do BNG
“Está vostede disposto a coller o guante de que goberne a lista máis votada?”, pregúntalle Rueda ao voceiro do PSdeG
“Estou moi orgulloso de como se fixo ese proceso no meu partido e na presidencia da Xunta”, di Rueda sobre o proceso de remuda de Núñez Feijóo
Alfonso Rueda: “Supoño que non fun capaz de convencelos, pero vouno intentar seguir facendo nos seguintes plenos”
“Non vou renunciar a sentirme galego, nin español, nin europeo. Iso téñoo moi claro”, di o candidato á presidencia da Xunta
Alfonso Rueda: “Diante deste Parlamento que agora se ten que pronunciar, podo prometer que farei o que en conciencia creo que é o mellor para os galegos e galegas”
“Vai ser continuidade, pero continuidade da boa”, asegura Rueda. “Non vai ser unha ruptura, afondarei nos acertos e tratarei de corrixir os erros”
“Se somos profundamente galegos e lealmente españois, imos acertar”, cre Alfonso Rueda
Rueda: “Hai ideas, hai proxectos e todo escoitarei porque hai que avanzar xuntos, e por iso convido ás bancadas da oposición”
Antes de rematar Alfonso Rueda volve darlle un agradecemento a Núñez Feijóo, reivindicando o seu legado. “Non vou deixar de reivindicalo porque estou orgulloso de todo o que fixemos, grazas presidente”
Remata a súa intervención o candidato á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, e volve ao seu escano, onde se funde nunha aperta co aínda presidente, Alberto Núñez Feijóo
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, convoca aos deputados ás 15:00 horas para iniciar a votación sobre a candidatura de Alfonso Rueda
A votación será por chamamento persoal a cada un dos deputados e deberán responder si ou non para dicir se conceden a confianza ao candidato
Os deputados comezan a votar
Non se realizou a votación na orde prevista, xa que se chamou a membros da mesa e do Goberno en funcións que tiñan que votar de últimos. Non obstante, a votación continúa.
Finaliza a votación e o Parlamento proclama presidente a Alfonso Rueda