Rueda: "Estiven moitos anos na sala de máquinas. Tócame subir á ponte de mando"
Rueda: "Estiven moitos anos na sala de máquinas. Tócame subir á ponte de mando"
O sexto presidente da Xunta xurou o cargo reivindicando a moderación e a estabilidade galegas
O sexto presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entrou no Salón dos Reis do Parlamento para tomar posesión do cargo acompañado do presidente da cámara, Miguel Santalices, da vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e do expresidente galego Alberto Núñez Feijóo.
Tras xurar o cargo, comezou o seu discurso reivindicando o labor dos que traballaron para consolidar a Galicia autonómica e lembrando a súa experiencia na xestión.
"Aprecio por tanto e reivindico o noso pasado, o inmenso esforzo dos que nos precederon por construír unha Galicia mellor. Teño os pés firmes no noso presente, e ningunha das dificultades da nosa xente nin me son alleas nin deben selo xamais. Hoxe non tomo posesión dun cargo: fágome cargo das lóxicas preocupacións dos galegos de hoxe e tamén, especialmente, das incertas perspectivas para os galegos de mañá".
Estabilidade e moderación
Alfonso Rueda defendeu que as dificultades actuais requiren gobernar con prudencia, estabilidade e moderación.
"Teño a determinación de preservar Galicia das tendencias de ruptura que noutros lados se observan. Coñezo, quero e creo firmemente nunha Galicia unida, desde a rúa Príncipe de Vigo ou os Cantóns da Coruña ata a praia das Catedrais, desde as terras agrarias da Limia en Ourense ata o os portos pesqueiros do Barbanza, desde a praza do Obradoiro ata o Centro Galego de Bos Aires.
Creo, polo tanto, nunha comunidade que se manteña a salvo da miopía do localismo e a fragmentación, que co ariete de supostos agravios carga contra a casa común que tanto nos custou e nos está costando construír".
Subir á ponte de mando
O presidente dixo que comeza unha nova etapa animado por un galeguismo integrador e incorformista, dunha comunide plural que defenderá o Rei e as institucións. Rueda afirmou que se pon ao servizo de Galicia libre de hipotecas e cheo de gratitude.
"Son perfectamente consciente de que estiven moitos anos na sala de máquinas e tamén son perfectamente consciente de que me toca agora subir á ponte de mando.Teimarei por ser digno deste pobo que demostra todos os días que é capaz de realizar os seus soños".
O acto, que durou media hora, rematou con himno interpretado por Antonio Barros.
A líder do BNG, Ana Pontón adevertiu a Alfonso Rueda, que este sábado xa asume plenos poderes na Xunta, de que o Goberno galego tras estar "paralizado" polo de predecesor Alberto Núñez Feijóo agora "non pode perder nin un minuto máis".
Asegura que lle transmitirá ao novo xefe do executivo un paquete de medidas urxentes.
E o secretario xeral do PSdeG Valentín González Formoso, púxolle deberes a Rueda, sexto presidente da Xunta, e asegura que o primeiro deles é que intente conformar un goberno "bseado no talento".
Asegura Formoso que por diante hai "retos moi relevantes" que requiren "capacidade", e por suposto, "compromiso de país".
Deseoulle a Alfonso Rueda "todos os acertos posibles" e aludiu á urxencia de, na actual situación socioeconómica complexa, facer un bo uso dos fondos europeos, que son, dixo, unha "oportunidade clara".