Publicador de contidos
Publicador de contidos

Algas microscópicas tinguen de marrón as augas na ría da Arousa

Algas microscópicas tinguen de marrón as augas na ría da Arousa

Algunhas zonas da ría da Arousa levan tres semanas con grandes manchas

Moitos pensaban ao primeiro que as manchas eran froito da contaminación, pero as análises demostran que é un afloramento de plancto

G24.gal 09/07/2024 13:31

Algunhas zonas da ría da Arousa levan tres semanas con grandes manchas marróns na auga. Aínda que moitos pensaban ao primeiro que eran froito da contaminación, as análises demostran que é un afloramento de plancto, o que a xente do mar coñece como purga do mar.

No porto de Rianxo é onde nos últimos días se concentraron as maiores manchas marróns na auga, aínda que tamén se viu a auga moura en Boiro e no Carril.

De preto, semella auga enlamada. De feito, houbo xente que alertou o 112 pensando que se trataba dalgún episodio de contaminación. Pero as análises da auga que fixeron no INTECMAR demostran que é un tipo de alga microscópica que adoita fermentar no verán e no outono.

"É beneficioso, porque é a principal fonte de alimento dos moluscos. É beneficioso para a ría. Cambia a cor da auga da ría, pero é totalmente natural e non ten toxicidade", asegura Covadonga Salgado, Directora xeral do INTECMAR.

A xente do mar recorda que é un fenómeno habitual nas rías, aínda que nos últimos anos, por mor dos cambios no tempo, foi de moita menor magnitude e moito menos visible.

"Isto é a riqueza da ría. É afloramento. A cor é máis forte ca outros anos. Pero viñan dous ou tres días e desaparecía", aseguran

A xente do mar di que, para os turistas, pode dar mala imaxe, pero para eles é riqueza.
 

"Pódeste bañar, que non pasa nada, pero impón, porque parece que estás no lodo metido", din.

O cambio de vento, que virou ao sur, está levando as algas cara a terra e depositando as manchas marróns nas ribeiras. E os orballos tamén contribúen a diluílas.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar