As algas que afogan os bancos, outro problema nun ano nefasto para o marisqueo
As algas que afogan os bancos, outro problema nun ano nefasto para o marisqueo
Centos de persoas traballan na retirada das praias dun esterco que non teñen onde depositalo
"Era un ano en que non houbo moito esterco e da noite á mañá empezou a aparecer o esterco. Xa lle digo, están sacando esterco a diestro e siniestro. Aquí non hai domingos nin festivos, hai que sacar seguido. O normal é que veñan dous tractores, pero houbo días que tivemos que contratar un terceiro dunha empresa privada", relata Lino Díaz, patrón maior da confraría de Vilanova.
A enseada do Esteiro é estes días un dos puntos de actividade das e dos profesionais do marisqueo de Vilanova de Arousa. O obxectivo: retirar as algas para previr a asfixia da ameixa. Que hoxe limpen non quita que mañá volva estar cuberta do esterco verde.
"Esta tarefa é bastante complicada. É un terreo moi brando e de lama, polo que o tractor non entra onde precisamos; temos que camiñar moitísimo, enterralos... é supercustoso", explica Sonia, directiva da confraría de Vilanova.
E coa afluencia das algas, un atranco novo. Aínda que son bo "esterco", non teñen quen as queira. Iso a pesar de que tamén se encargan de fresar o terreo onde as botan. Un problema máis nun ano xa cativo para a confraría vilanovesa.
"Necesitamos colaboración da Administración para axudar, porque levamos todo o esterco para as leiras, pero non hai onde, porque non queren as algas. Pedimos terreo ou que as administracións colaboren", di Óscar Fernández, tamén directivo da confraría de Vilanova.
"Non levamos nin o dez por cento do ano pasado e estamos nun ERTE desde o un de febreiro. A situación nosa é moi crítica. Supoño que será a das confrarías todas. O normal é que nos subvencionen estes traballos", afirma Lino Díaz.
Contratar colectores para retirar as algas suporíalles un desembolso de 300 euros cada transporte.