Retiran as algas na ría de Pontevedra cunha máquina aspiradora e compactadora que revolucionará o sector
Retiran as algas na ría de Pontevedra cunha máquina aspiradora e compactadora que revolucionará o sector
Retiran as algas na ría de Pontevedra cunha máquina aspiradora e compactadora que revolucionará o sector
Fai pacas de 400 quilos que en bruto serían 4 toneladas de algas
O sistema é innovador e varias confrarías xa mostraron interese nel
É un proxecto das confrarías de San Telmo, Raxó e Lourizán e o Galp da ría de Pontevedra
As confrarías sacan todos os anos centos de toneladas de algas das rías para que non asfixien o marisco. Na de Pontevedra, en cinco meses poden extraer 600 toneladas. A limpeza adóitase facer con rastros pero as confrarías de San Telmo, Raxó e Lourizán están estreando un innovador sistema que aspira as algas do fondo mariño, sóbeas por un tubo e méteas nunha empacadora que lles extrae toda a auga e xera unha paca duns 400 quilos. En bruto, serían máis de catro toneladas de ulba.
Expectación polo seu funcionamento
A máquina espertou moito interese no sector xa que a retirada de algas nas confrarías é un traballo que consome moitos recursos e esforzos.
"Xa se puxeron en contacto con nós para saber como funciona porque é algo moi novedoso e moi necesario", comenta Andrés Simón, biólogo das confrarías da ría de Pontevedra.
A aspiradora traballa de forma continua. A diferencia co rastro é enorme: con el os depósitos énchense rápido porque a alga trae moita auga e hainos que ir baleirar.
Tenacidade e audacia
A empresa de Narón Demaux ideou e construíu a máquina. Adaptala non foi sinxelo... O proceso durou máis dun ano e ainda hoxe están axustando mecanismos. "Fixo unha porta, fixo outra... A unidade de aspiración é a terceira, o motor é o quinto… Os problemas do tubo que sobe as algas foron moitos polo peso, polo difícil que era de manexar. A tripulación do barco buscou mil solucións", apunta Andrés Simón.
As pacas recólleas o concello de Poio, que fai compost con elas.