Alicia Estévez, vicepresidenta da RAG de Ciencias: "Aínda hoxe persisten estereotipos de xénero, sobre todo nas enxeñerías"
Alicia Estévez, vicepresidenta da RAG de Ciencias: "Aínda hoxe persisten estereotipos de xénero, sobre todo nas enxeñerías"
No Día da Muller na Ciencia, a catedrática loa a Katalin kalikov, a nai da tecnoloxía que fixo posibles as vacinas contra a covid.
Salienta Estévez que as academias son institucións moi antigas e con escasa presenza feminina, que isto mude depende de toda a sociedade.
Co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, na RG entrevistamos a Alicia Estévez Torazno, vicepresidenta da RAG de Ciencias e Catedrática de Microbioloxía. Con ela conversamos da presenza feminina nas academias e na investigación. Tamén dos atrancos que aínda compre superar a prol da igualdade de xénero, sobre todo nas áreas máis tecnolóxicas.
Sobre a presenza das mulleres nas academias científicas, manifesta a catedrática que en Galicia este ano ingresaron cinco mulleres, pero aínda queda moito traballo por facer, porque as academias son institucións moi antigas e a presenza feminina sempre foi moi inferior á dos homes.
Recoñece Estévez que hai canteira e talento entre as científicas galegas que merecen un recoñecemento, pero eses premios, non só dependen das propias academias, senón das sociedades científicas e do resto de institucións, en definitiva responsables de propoñer ás candidatas ou candidatos .
Manifesta que na súa vida, por fortuna, non houbo grandes atrancos para facer carreira no mundo das ciencias, que na súa familia sempre a apoiaron, xa desde nena. Esta científica remarca a autoestima nas mulleres á hora de acadar estes propósitos:
"Que aprendan a facerse valer, que non se infravaloren", incide.
A pesar de todos os avances a prol da igualdade no traballo das mulleres na ciencia, Estévez salienta que aínda existen estereotipos de xénero que cómpre vencer.
"Parece que xa desde as familias inculcan que valemos menos para as áreas tecnolóxicas. É algo que temos que traballar desde a etapa infantil. Creo que estamos traballando no bo camiño, pero a un ritmo lento", matiza.
Pandemia e vacinas
Como catedrática en Microbioloxía, Alicia Estévez salientou o papel de Kátalin Karikov, científica que creou na década dos noventa a tecnoloxía das vacinas con ARN mensaxeiro, que permitiu elaborar trinta anos máis tarde eses antídotos contra a covid nun tempo récord.
A estudosa respondeu a varios asuntos en relación ó punto da pandemia no que estamos, e de cara ao futuro.
En relación ás vacinas considera que, no caso de optar por unha vacina anual como no caso da gripe, haberá que ter unha vixilancia epidemiolóxica para decidir cal vai ser a que se poña de cada vez. A científica xa non considera unha fórmula válida a das tres doses anteriores, elaboradas con cepas antigas.
"Habería que reformulalas consonte ás cepas que estean circulando neste momento a nivel mundial", apunta.
Colocándose nun escenario futuro, Estévez remarca que virán novas pandemias, e que despois do vivido teremos que estar preparados para actuar dunha maneira máis rápida e eficaz, con mellores infraestruturas, e mellorando tamén a loxística.