Publicador de contidos
Publicador de contidos

Altri agarda que a fábrica de fibras téxtiles funcione a comezos de 2025

Altri agarda que a fábrica de fibras téxtiles funcione a comezos de 2025

A dirección da compañía asegura que o seu impacto ambiental será moi reducido

A fábrica suporá un investimento de 800 millóns e dará traballo a 2.500 persoas

Obras da futura fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei
G24.gal 03/05/2022 16:31

A multinacional lusa Altri confía en que a nova fábrica de fibras téxtiles proxectada no municipio lucense de Palas de Rei estea lista para empezar a producir a finais de 2024 ou a principios de 2025. Así o confirmo o CEO de Altri, José Soares de Pina, aínda que tamén recoñeceu que se trata dun “proxecto moi complexo” e, por tanto, axustar os prazos depende de “certezas” en relación cunha serie de “variables”.

Soares de Pina fixo estas declaracións no transcurso dun encontro informativo na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, no que tamén participaron os conselleiros de Economía, Empresa e Innovación, e DE Medio Rural, Francisco Conde e José González, respectivamente; así como a directora xeral da sociedade Impulsa Galicia, Enyd López; e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias.

Cuestionado sobre a relevancia que pode ter para o proxecto a obtención dos fondos europeos  Next  Generation, Soares de Pina recoñeceu que o acceso por parte da multinacional a esa liña de financiamento “é importante”.

“ É difícil atopar un proxecto que encaixe de forma máis directa. Sorprenderíanos moito que a fábrica de fibras téxtiles quedase fóra desa liña de financiamento", recoñeceu o CEO de Altri.

A obtención dos fondos europeos, aclarou, influirá na “decisión sobre o atractivo do investimento” e as posibilidades de “obter un retorno adecuado” ao “risco” que supón, tendo en conta de que as axudas poden sumar entre un “35 e un 30%” do gasto previsto, superior aos 800 millóns de euros.

En canto á decisión de decantarse polo municipio de Palas de Rei, Soares de Pina explicou que “o acceso a recursos hídricos de auga doce” foi determinante, despois de analizar de forma pormenorizada o caudal histórico dos ríos que pasaban polas máis de corenta localizacións sondadas.

Aínda que a proximidade ás zonas produtoras de eucaliptos foi un dos factores analizados, explicou que esa proximidade non se medía en “dez quilómetros” arriba ou abaixo. Con todo, si se analizou detidamente a posibilidade de dispoñer de recursos hídricos todo o ano, tendo en conta de que a achega de auga é fundamental para o funcionamento da planta.

Con respecto ao impacto ambiental que pode xerar esta fábrica, asegurou que será “moi pequeno”.

“O impacto ambiental vai ser moi reducido porque  Altri é líder mundial na reutilización de auga e a fábrica de Palas de Rei ten previsto empregar a última tecnoloxía para minimizar o consumo", sinalou Soares de Pina.

Con respecto ás emisións, o proxecto contempla a instalación de sistema para capturar as emisións de gasosas e mesmo se barallan opcións para empregalas na coxeración de enerxía.

En todo caso, precisou este directivo que a maioría das emisións gasosas son, en realidade, vapor de auga, de modo que a empresa ten previsto instalar sistemas para reducilas “ao mínimo”, tamén porque supón “enerxía perdida”.

En canto á xeración de postos de traballo, detallou que o cálculo inicial establece uns 2.500 empregos, aínda que a porcentaxe de directos ou indirectos dependerá do “deseño final da planta”, que consumirá entre 900.0000 e 1 millón de toneladas de madeira ao ano para a fabricación de fibras téxtiles.

“É un proxecto no que traballamos moitos meses", dixo Soares de Pina, e a “colaboración” coa Administración galega foi “excelente”, para chegar “a unha decisión que vai marcar o futuro”, porque é un “proxecto estratéxico para Galicia e para España”, dado que a fábrica de Pas será “un referente” para a industria téxtil europea.

O conselleiro de Economía agradeceu a confianza de Altri en Galicia e lembrou que se trata de “unha oportunidade como país”, polo que espera que, finalmente, o proxecto poida acceder aos fondos  Next  Generation, como xa llo fixo saber o presidente da Xunta de Galicia ao Goberno de España.

“É un proxecto industrial estratéxico para Galicia”, ratificou Conde, e “tras unha conversación coa vicepresidenta primeira, Nadia Calviño”, agora o Goberno galego está pendente de “unha reunión” para “ver como pode encaixar” nos criterios establecidos por parte da Unión Europea para acceder a eses fondos.

Con respecto á Xunta de Galicia, subliñou que os trámites administrativos realizaranse mediante “unha figura que se aplicará por primeira vez: o proxecto industrial estratéxico”. Permitirá axilizar os prazos, mesmo reducir “á metade” o tempo de espera habitual de determinados pasos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade