Altri agarda unha resposta favorable do Goberno ao proxecto en Palas antes de final de ano
Altri agarda unha resposta favorable do Goberno ao proxecto en Palas antes de final de ano
A empresa achaca a "datos falsos" as críticas ao proxecto de fibras téxtiles
Altri condiciona o proxecto a conseguir 250 millóns de euros de fondos públicos e conseguir a aceptación social
"Estamos facendo algo único en Europa, en 20 anos cambiará todo en Palas de Rei"
Altri defende sen fisuras o seu proxecto de Palas de Rei. Nunha comparecencia en Santiago, os directivos da empresa defenderon que situará a "Galicia na vangarda mundial da industria téxtil sostible". Din que creará 500 empregos directos e non contaminará nada. Nin a zona nin a ría de Arousa, como denuncian as plataformas que están en contra. A empresa di que o proxecto non está en risco pero precisa conseguir 250 millóns de euros de fondos públicos e o apoio da veciñanza. Neste senso, o CEO de Altri foi tallante.
"Unha oportunidade histórica"
José Pina asegurou que "non facemos investimentos en espazos onde as comunidades onde nos integramos non queren". Galicia está diante "dunha oportunidade histórica de ser un referente mundial na industria das fibras téxtiles cun proxecto único. Que o fagamos ou non que sexa con argumentos reais, pero non por non ter a información correcta", advirte o máximo responsable de Altri. A empresa estuda arestora as 23.000 alegacións presentadas, e ábrese a facer cambios, como apuntan desde a Xunta. Danse de marxe ata finais de ano para tomar a decisión de seguir ou renunciar ao proxecto.
Os directivos do proxecto Gama compareceron esta mañá en Santiago para defender a súa proposta e ofrecer datos sobre a súa magnitude.
En fronte, na praza do Obradoiro, representantes dos colectivos en contra do proxecto, denunciaban os efectos negativos que vai ser para a comarca da Ulloa se se materializa. Din que a porá en xaque tanto desde o punto de vista ambiental coma económico. Denuncian que desvaloriza a zona e que os postos de traballo que vai crear non compensan o dano ocasionado na agricultura e gandería ecolóxica. Para a Plataforma A Ulloa Viva vai ser a estocada ao río.