Altri di que a súa planta de fibras téxtiles en Palas de Rei terá "estándares por riba da lexislación ambiental" en Galicia
Altri di que a súa planta de fibras téxtiles en Palas de Rei terá "estándares por riba da lexislación ambiental" en Galicia
Altri di que a súa planta de fibras téxtiles en Palas de Rei terá "estándares por riba da lexislación ambiental" en Galicia
O director do proxecto GAMA de Altri di que o proxecto industrial "non vai implicar o desenvolvemento de novas superficies de produción de eucalipto" no territorio galego
Bruno Dapena confía en que se autorice a fábrica e asegura que están traballando "intensamente" coas adminsitracións para obter 250 millóns de fondos europeos
O director do Proxecto GAMA de Altri, Bruno Dapena, defende o proxecto industrial para fabricar fibras téxtiles con madeira de eucalipto en Palas de Rei e afirma que "os procesos que vai implementar Altri están moi por riba dos estándares da lexislación ambiental en Galicia, que é moi garantista".
Bruno Dapena explica que "esta é unha planta de produción de fibras téxtiles de base celulósica. Producimos dous produtos fundamentalmente: un é a pasta soluble que ten como uso final a industria téxtil e parte desa pasta soluble é transformada en lyocell na nosa planta". Indica que "o lyocell está previsto que se venda nunha parte importante dentro de Galicia, pero tamén se exportará unha parte fóra de España".
Neste senso di que "é a primeira planta no mundo, pioneira neste aspecto, que inclúe os dous procesos. Pero cómpre resaltar que esta pasta soluble, aínda que o compoñente, a materia prima fundamental é a madeira de eucalipto, é un proceso diferente ao da pasta papeleira. O uso final non é pasta papeleira senón pasta soluble que o seu obxecto final é fabricar tamén fibras téxtiles. Os procesos son distintos aos da pasta papeleira e tamén os impactos, co cal a comparación non ten sentido con outros procesos que tamén usan madeira de eucalipto como materia prima".
Sobre o eucalipto a utilizar, o directivo de Altri precisa que "a materia prima é madeira galega certificada, madeira de proximidade. Esperamos abastecer á planta un radio medio de 60 quilómetros".
Bruno Dapena engade que "os estudos e os inventarios que se fixeron din que a madeira que hoxe se cultiva en Galicia é suficiente para abastecer este proceso. Consumiremos aproximadamente 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano. Estímase que actualmente unha cantidade de 1,2 millóns de metros cúbicos ao ano que se producen en Galicia son vendidos fóra das nosas fronteiras porque non existe mercado, co cal é madeira que hoxe existe, que está comercializándose fóra e que non vai implicar o desenvolvemento de novas superficies de produción de eucalipto, que tamén é unha das preocupacións que tamén pode ter a xente".
Sobre as críticas amosadas nos últimos días por unha parte dos veciños de concellos da comarca da Ulloa e de grupos ecoloxistas, o directivo de Altri di "que hai moita desinformación nese aspecto".
Explica que "o proxecto está actualmente en información pública e detállanse tódolos procesos, os posibles impactos e os tratamentos. Especialmente, a lexislación ambiental en Galicia é moi garantista, especialmente en termos de emisións e tratamento de augas e o cumprimento da lexislación é moi estrito. Ademais, os procesos que vai poñer en funcionamento Altri na súa planta de Palas están moi por riba dos estándares da lexislación. Son tecnoloxías limpas que van máis alá do que esixen estritamente a lei. Ademais hai unha cousa moi clara, tanto as emisións gaseosas coma a auga tratada que se devolve ao río, está monitorizada as 24 horas do día, os sete días da semana polas autoridades que monitorizan o estrito cumprimento".
O directivo de Altri confía en que o proxecto industrial saia adiante. Sinala que "a planta está deseñada cunha serie de procesos que tratan absolutamente todas as emisións antes de saír pola cheminea e a auga, que en realidade, é máis, en Altri dicimos que non consumimos auga no proceso. Usamos a auga. Captamos a auga do río usada no proceso produtivo e despois é tratada e devolta ao río en características similares e mesmo nalgúns parámetros mellor do que foi captada. E devólvese ao río augas arriba de onde foi captada, co cal é un sinal de que é unha auga totalmente limpa porque a volvemos a captar para o proceso".
Despois das charlas informativas que se suspenderon a semana pasada polas queixas e críticas dunha parte dos asistentes en Melide, Bruno Dapena lamenta que "non se puideron desenvolver con normalidade, pero seguiremos informando a poboación e os veciños sobre en que consiste o proxecto e as inquietudes que poidan ter". Insiste en que "non vai ter ningún impacto nin nas augas nin nas emisións atmosféricas. Todas as actividades que se desenvolven actualmente na comarca van poder seguir desenvolvéndose de maneira completamente normal".
Sobre o emprego, o directivo de Altri di que, en función das necesidades de produción, "a estimación que temos hoxe son 500 postos de traballo. Esta é unha planta de proceso que traballa a quendas as 24 horas do día os sete días da semana. Estimamos en 2.000 postos indirectos os que van crearse arredor da planta. E, por suposto, a construción, na que estimamos picos de máis de 4.000 persoas durante todo o período das obras".
Sobre os fondos europeos susceptibles de financiar o proxecto, Bruno Dapena cifra en "250 millóns de euros, unha cuarta parte do investimento", as posibles axudas comunitarias. "Estamos traballando intensamente con todas as administracións para que cheguen a bo porto. Estamos agora mesmo no proceso de tramitación", comenta.