Álvaro Villasante, do restaurante Paprica, mellor cociñeiro de tapas Galicia 2023
Álvaro Villasante, do restaurante Paprica, mellor cociñeiro de tapas Galicia 2023
Para o xurado popular, o gañador foi Álvaro Pérez, do restaurante ArteSana Gastrobar de Santiago
Álvaro Villasante, chef do restaurante Paprica de Lugo, foi o gañador do premio a mellor cociñeiro de tapas de Galicia elixido polo xurado profesional na Gala Show Cooking celebrada onte á noite en Santiago. Para o público, a mellor tapa foi a do restaurante ArteSana Gastrobar de Santiago, que capitanea Álvaro Pérez Blanco.
Competían sete cociñeiros de sete restaurantes en representación das sete grandes cidades. Un xurado popular por televoto e outro profesional elixían o mellor cociñeiro de tapas valorando a complexidade técnica, a creatividade, a presentación e o sabor.
Para o xurado profesional, o gañador foi Álvaro Villasante, do Grupo Nove, que leva 16 anos á fronte do restaurante Paprica de Lugo. A tapa vencedora chamábase "Bonito, morrón, cebola e paixón".
O xurado popular elixiu como mellor cociñeiro de tapas a Álvaro Pérez Blanco, do restaurante compostelán ArteSana Gastrobar, que competía coa súa tapa "Queixo" representando a cidade de Santiago.
A sétima Gala ShowCooking, celebrada no hotel Monumento San Francisco de Santiago, enmárcase nunha campaña organizada por Turismo de Galicia para atraer turistas botando man da riqueza gastronómica do país.