Alves admite agora sexo consentido coa moza que o denunciou
Alves admite agora sexo consentido coa moza que o denunciou
O futbolista alega que mentiu para protexer o seu matrimonio
Dani Alves volveu hoxe ao xulgado cunha nova versión sobre o ocorrido no lavabo dunha discoteca de Barcelona.
O exfutbolista brasileiro, investigado por agresión sexual, admitiu por primeira vez perante a xuíza, relacións sexuais coa moza co denunciou, pero mantivo que foron consentidas. Tamén dixo que mentiu para agochar a infidelidade á súa parella, que estaba obsesionado, con protexer o seu matrimonio.
Dani Alves declara voluntariamente cando leva xa tres meses en prisión provisional, e co obxectivo de acadar a liberdade provisional baixo fianza, coas medidas cautelares que a xuíza estime oportunas.
Unha fianza que ata o de agora non lle concedeu ante a gravidade dos feitos e as contradicións no seu relato e en referencia ás probas biolóxicas reunidas polos forenses.
De feito, ata o de agora Alves só admitira en persoa unha relación consistente en sexo oral consentido, malia que as probas de ADN demostraron a presenza de restos de seme seu na vaxina da vítima.
Do que ocorreu no interior dun baño desta discoteca o pasado 30 de decembro, Dani Alves foi dando versións diferentes.
Na primeira negou coñecer a denunciante. Pero as imaxes das cámaras de seguridade obrigárono a rectificar. Dixo entón que si a coñecía, que concidiran no baño, pero que non pasara nada.
Os restos de seme localizados no cuarto deixaron a terceira versión. Alves recoñeceu sexo oral, pero inisitiu en que fora consentido, e dixo que a moza se abalanzara sobre el.
As probas biolóxicas volveron desmentir o futbolista. E os seus avogados admitían relacións con penetración, pero en todo momento falaban de sexo consentido.
Para xustificar os vaivéns do seu relato, Alves aduciu, primeiro, que quería protexer a moza e, logo, que intentaba salvar o seu matrimonio.
Durante todo este tempo, a vítima sempre se mantivo firme e non cambiou nada da súa versión.