A vítima ratifica ante o tribunal que o futbolista Dani Alves a violou
A vítima ratifica ante o tribunal que o futbolista Dani Alves a violou
Alves pide anular o proceso por ser investigado "ás súas costas" nun "xuízo paralelo"
As acusacións replican a Alves: o dano sufriuno a vítima ao filtrar a nai os seus datos en redes sociais
A fiscalía pide nove anos de cárcere para o futbolista
A moza que acusa o exxogador do Barça Dani Alves de violala nun baño da discoteca Sutton de Barcelona ratificou este luns a súa versión ante o tribunal que xulga o futbolista, nunha declaración de máis dunha hora, a porta pechada e entre fortes medidas de protección.
Segundo fontes xurídicas, a vítima mantivo ante a Audiencia de Barcelona o relato que sostivo ao longo da instrución da causa: que Alves a agrediu sexualmente, con violencia e unha actitude despectiva, tras obrigala a entrar con el no baño do reservado da discoteca Sutton.
A moza declarou durante preto de hora e cuarto, pero protexida por un biombo para impedir a súa confrontación visual con el e acompañada de axentes dos Mossos d'Esquadra.
A declaración levouse a cabo sen público, a porta pechada, coa voz distorsionada e a imaxe pixelada, para impedir que se poida divulgar a súa identidade en caso dunha posterior filtración da gravación do xuízo.
A avogada de Alves di que se vulneraron os dereitos do futbolista na investigación
Inés Guardiola, avogada do futbolista Dani Alves, pediu á Audiencia de Barcelona que anule a causa por agresión sexual, ao concluír que se vulneraron os seus dereitos porque foi investigado durante un mes "ás súas costas" e soportou o "xuízo paralelo" da opinión pública.
No trámite de cuestións previas que deu inicio ao xuízo, a defensa de Alves, que pediu que o futbolista declare en último lugar -o vindeiro mércores pola tarde, segundo o previsto-, centrou as súas alegacións en detallar os dereitos fundamentais que considera foron vulnerados no caso, entre eles á presunción de inocencia e a un xuízo con todas as garantías.
O futbolista, que leva un ano en prisión preventiva por un delito de agresión sexual, afronta unha petición da Fiscalía de nove anos de cárcere acusado de violar a unha moza de 23 anos no baño dun reservado da discoteca Sutton de Barcelona a noite do 30 de decembro de 2022.
A avogada esgrimiu ante o tribunal as circunstancias da detención de Alves, que foi arrestado no despacho da súa avogada en Barcelona o 20 de xaneiro de 2023 a pesar de que, insistiu, os Mossos d'Esquadra estaban a investigalo desde a noite dos feitos, cando a vítima presentou a denuncia contra el.
"Foi unha investigación ás súas costas", queixouse a avogada, que resaltou que iso impediu a Alves exercer o seu dereito á defensa e, entre outras cuestións, someterse a unha proba para acreditar que a noite dos feitos estaba baixo os efectos do alcol.
Tamén cre a letrada que a xuíza que instruíu o caso vulnerou o dereito á defensa de Alves porque se lle impediu acceder á causa antes da súa detención, os atestados policiais e documentos que se lle facilitaron cando xa estaba no calabozo tras o seu arresto estaban mutilados e concedéronse apenas dúas horas á defensa para preparar a súa declaración no xulgado de garda.
"Nunca tivo oportunidade de defenderse de maneira efectiva durante a instrución", destacou a letrada, que tamén denunciou que non se autorizou un segundo recoñecemento médico da vítima, como solicitaran.
A avogada insistiu en que neste caso se vulnerou a presunción de inocencia de Alves porque foi sometido a un "xuízo paralelo", mediante unha "campaña mediática" e un "sometemento tendencioso", cun goteo "constante e incesante" de informacións para presentarlle como un "agresor sexual", provocando o "convencemento social" de que é culpable.
As acusacións replican a Alves: o dano sufriuno a vítima ao filtrarse os seus datos
A Fiscalía do caso Alves e a acusación particular replicaron á defensa que o dano pola exposición mediática sufriuno a vítima, despois de que a nai do futbolista divulgase en redes sociais a identidade e imaxes da moza, acompañados de comentarios que tentaban desacreditala.
A fiscal, Elisabeth Jiménez, e a acusación particular opuxéronse en bloque ás cuestións previas expostas ao comezo do xuízo pola avogada de Alves.
"O personaxe público é o acusado, non a miña representada", lembrou Ester García, avogada da acusación particular, que tamén esgrimiu a entrevista que Alves deu a un medio de comunicación, expoñendo a súa versión dos feitos, desde prisión.
A avogada da vítima tamén negou a tese da defensa -que sostén que a xuíza instrutora incorreu en falta de neutralidade- e lamentou que, na súa opinión, o que en realidade estaba a solicitar para Alves era un "dereito privilexiado".