Os amantes das bicis antigas danse cita en Pontedeume
Os amantes das bicis antigas danse cita en Pontedeume
É o décimo primeiro encontro de clásicas que organizan na vila
Úneos o amor polo ciclismo e máis aínda polas bicicletas antigas, algunhas con valor histórico, pero a maioría con valor afectivo.
"Sacando recordos, porque ao final hai xente que ten a bicicleta que foi do pai, que foi dun tío, dun avó...", explica Daniel Cendán, o promotor do encontro.
Este domingo xuntáronse para poñelas a rodar por Pontedeume, no décimo primeiro encontro de clásicas organizado pola agrupación ciclista Leboreira, ao que se sumaron mesmo amigos do Bierzo.
Unha das pezas máis destacadas era unha Homen do ano 38, unha marca que se fabricaba en Santiago. O seu propietario defínea como unha bicicleta forte e ben terminada.
"Valía nos seus tempos sobre 3.000 pesetas máis ou menos. Daquela comprar unha bicicleta destas era como comprar unha moto. Para poñerlle un equipo de luz a unha bicicleta destas facía falta o soldo completo dun obreiro daqueles tempos", subliña.
María levou a súa BH dos anos 50, unha edición especial deseñada para mulleres.
"Sacaron como vinte exemplares e a peculiaridade que ten é que combina as cartucheiras co asento", puntualiza.
Algúns dos participantes fan eles mesmos a restauración das súas bicicletas. Daniel colocoulle á que trouxo nesta ocasión, porque ten colección, un faro de carburo, habitual nos tempos dela.
"O proceso era: no carburo caía auga entón desprendía un gas e ese gas prendíalo e facía a iluminación da bicicleta", relata.
O grupo tiña previsto darlles aos pedais toda a mañá con parada cultural, un bo xantar e ata unha carreira lenta, na que ía ser premiado o último en chegar.