Publicador de contidos
Publicador de contidos

O galego Chechu Salgado gaña o Goya ao mellor actor revelación

O galego Chechu Salgado gaña o Goya ao mellor actor revelación

Outros dous galegos reciben premios: Zeltia Montes e Xosé Zapata

Luís Tosar e Javier Gutiérrez compiten para mellor actor co favorito Javier Bardem

Kai Forsterling
G24.gal 12/02/2022 21:27

O actor galego Chechu Salgado foi distinguido polo seu traballo de El Zarco en "Las leyes de la Frontera", a galega Zeltia Montes alzouse co premio á mellor banda sonora orixinal polo "El buen patrón" e o galardón á mellor curta de animación foi para "The Monkey", codirixida polo coruñés Xosé Zapata

Todo nunha gala no Palacio das Artes de Valencia que acolle a cerimonia da 36 edición dos Premios Goya. Pola alfombra vermella pasaron xa os candidatos e os favoritos. Entre eles Javier Bardem, Penélope Cruz, Luis Tosar, Blanca Portillo, Icíar Bollaín ou Javier Gutiérrez.

Esta non será unha gala coma a anterior. Recupérase a ampla presenza no patio de butacas e contará coas actuacións musicais de C. Tangana, Joaquín Sabina e Luz Casal.

A gala está dirixida polo galego Dani de la Torre. E non será a única presenza galega nunha cerimonia, na que hai varios candidatos da nosa comunidade.

El buen Patrón, de Fernando León de Aranoa, é a gran favorita da noite. Conta con vinte candidaturas fronte a Maixabel, de Icíar Bollaín, que ten catorce.

Actores galegos

Na categoría do mellor actor protagonista, Javier Bardem compite cos galegos Luís Tosar, polo seu papel en Maixabel, e Javier Gutiérrez en La hija.

El Buen Patrón bríndalle unha nova candidatura ao galego Celso Bugallo como o mellor actor de reparto, que non o terá nada sinxelo para arrebatarlle o premio ao favorito, Urko Olazábal, por Maixabel.

A presenza galega entre os seleccionados non queda aí. Chechu Salgado opta ao Goya na categoría do mellor actor revelación por Las leyes de La Frontera.

Música e animación

Zeltia Montes compite á mellor música orixinal por El buen Patrón.

A animación galega volve tamén ter un ano máis unha presenza destacada nos Goya. Nesta ocasión co filme Valentina, de Chelo Loureiro, con participación de Televisión de Galicia, e coa curta The monkey, de Xose Zapata.

A curta de ficción Yalla, de produción galega, tamén compite, igual que o filme Tres, aspirante na categoría do mellor son, con participación da TVG.

En canto á presenza internacional, a actriz Cate Blanchett recibirá o Goya internacional da man de Penélope Cruz e Pedro Almodóvar, tamén candidatos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade