Amplíanse as frecuencias no transporte marítimo entre Moaña e Vigo
Amplíanse as frecuencias no transporte marítimo entre Moaña e Vigo
Mellora a conexión entre Vigo e Moaña, con 42 frecuencias novas
Volve o barco dos domingos e festivos e aumentan as frecuencias os días laborables
"Sempre houbo barco os domingos, quitáronos porque os quitaron, por cuestión de economía ou o que fora, pero barco houbo sempre, incluso había dous barcos", comenta un señor
Había unha década que desaparecera o barco dos domingos e festivos entre Vigo e Moaña porque á empresa adxudicataria dáballe perdas. Os usuarios agradecen poder recuperalo.
"Os domingos mellor, podes vir ver unha película porque autobuses só hai dous, un de mañá e outro de tarde, e o barco chega moito máis rápido e é moito máis cómodo".
"Xenial, xenial, fan moi ben, é necesario", apuntan varias usuarias.
No último ano o transporte na ría aumentou un 33 por cento. Notouse sobre todo dende que a Xunta rebaixou un 50 % o prezo dos billetes aos usuarios habituais.
"Coa tarxeta axuda bastante".
"Vir por 67 céntimos... non traes o coche".
Outra das novidades son as frecuencias cada 30 minutos nas primeiras horas da mañá.
"Entras ás seis e media da mañá a traballar en Vigo e non tes medio de transporte. Entras ás sete e non tes, tes que traer o coche ou vir no autobús", quéixase unha muller.
A empresa adxudicataria deste servizo tomou a decisión porque as contas empezan a cadrar, e era unha medida moi demandada entre os seus clientes.
"O que queremos agora é devolverlles a eles realmente o que tanto querían, e volver ás frecuencias que tivemos hai moitos anos. Entón queremos mantelas durante todo o ano 2024, non só nestas épocas festivas, senón tamén o resto do ano", informa Laura Pérez, responsable de Comunicación da Navieira Nabia.