Ana Miranda: "Estaremos cinco anos traballando por Galicia como estivemos sempre"
Ana Miranda: "Estaremos cinco anos traballando por Galicia como estivemos sempre"
A europarlamentaria electa asegura na Radio Galega que o Bloque terá plena actividade política malia o escano rotatorio compartido con ERC
Explica que nos próximos días se establecerá a repartición do tempo
A europarlamentaria electa do BNG Ana Miranda defende na Radio Galega que o BNG terá plena actividade política durante os cinco anos de lexislatura malia teren un escano rotatorio que compartirán con ERC.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, apuntaba: "Poden estar seguros os electores galegos de que nós estaremos cinco anos traballando por Galicia no Parlamento europeo como estivemos en todas as ocasións". Destaca Miranda: "O BNG sempre tivo posicións propias e sempre traballamos para o pobo galego, que é o noso único dono, e con lealdade absoluta, e creo que iso se premiou nestas eleccións".
A eurodeputada electa sostén que é un escano propio. "Sempre que está o BNG é un escano propio e desta vez de saída, en noite electoral".
A nacionalista nega que houbese un engano ao electorado e di: "NJós en campaña dixemos claramente que cantos máis votos tivera o BNG máis tempo estariamos", e reivindica: "Nós entramos na lexislatura con escano galego e con voz galega desde o minuto cero".
Lembrou que noutras lexislaturas, cando non tiñan a representación do escano, o BNG conseguiu que a Unión Europea non prohibise o xeito, unha arte de pesca artesanal empregada en Galicia. Ademais recordou que sen ocupar o escano, lograron a apertura dun procedemento de infracción polo accidente de Angrois. Por iso, conclúe: "O BNG está sempre traballando polo país e fixemos máis ca outros partidos. Ao final é o que importa", e cuestiona outros partidos que teñen escano en Bruxelas e "non fan nada".
Crítica o PPdG, que acusa o BNG de enganar os electores. Afirmou: "Están encantados de enlamar. Moléstalles moito que o BNG teña un escano propio desde o minuto cero. Nós aquí vimos a traballar. Eu levo en Bruxelas toda a miña vida, dedicada a traballar polo país, e iso é o que valorou a cidadanía".
Explicou Miranda que durante este mes, os partidos da coalición Agora Repúblicas se reunirán para fixar o tempo que corresponde ao BNG e a ERC ocupar o escano, que, di, irá en función dos votos.
Por outra banda, Miranda apuntou que nos próximos días decidirán o grupo parlamenario en que se adscribirán e se repiten no grupo Verdes-Alianza Libre Europea.