Ana Sandamil: “Pido perdón á familia paterna e á miña familia polo dano"
Ana Sandamil: “Pido perdón á familia paterna e á miña familia polo dano"
O xuízo, que se repite tras a anulación do primeiro veredicto do xurado, quedou visto para sentenza
Ana Sandamil, a nai Desirée Leal e única acusada pola morte da pequena, fixo este luns uso do dereito á última palabra para pedir “perdón” antes de que finalizase o xuízo no que tanto as acusacións popular e particular como o ministerio fiscal piden para ela unha pena de prisión permanente revisable, ao considerala culpable do asasinato.
O xuízo -que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordenou repetir, ao considerar que o veredicto de culpabilidade non quedara suficientemente motivado no primeiro- quedou visto para sentenza pouco despois de mediodía.
Xusto antes de finalizar, Ana Sandamil tomou a palabra para lembrar que é unha persoa enferma “para sempre” e pedir “perdón”. “Non se o que puido pasar”, dixo en relación coa noite en que morreu a súa filla, “ela e eu estabamos moi unidas”.
“Pido perdón”, espetou acto seguido, tanto á súa familia como á “familia paterna polos danos causados”. Concluíu pedindo “que se teña en conta que padecía unha enfermidade e padezo unha enfermidade para sempre. E nada máis”.
Visto para sentenza
Así remataba tras cinco días en que prestaron declaración unhas 60 persoas, a repetición do xuízo a Ana Sandamil polo asasinato da pequena Desirée Leal, e que concluíu coas alegacións finais das partes.
Malia engadiren a atenuante de afectación parcial das facultades da presunta parricida, tanto a fiscalía coma as acusacións piden para ela a pena máxima, a prisión permanente revisable.
"A única vítima desta causa chámase Desirée Leal, e se non está aquí é só por vontade da súa nai. Non podemos traela de volta á vida pero si podemos ditar un veredicto xusto e demostrar que esta monstruosidade non pode quedar impune", aseguraba a fiscala, Ylania Suárez.
Manuel Ferreiro, avogado da acusación particular, expoñía que non podía "esquecer que houbo unha afectación parcial, que é unha atenuante simple, que en conxunción coa agravante de parentesco non cambia a situación e suporía igualmente a prisión permanente revisable".
"É un asasinato, que cando é dunha menor de 16 anos está castigado coa prisión permanente revisable segundo o código penal, e así nos imos manter", era a conclusión de Beatriz Pardo, avogada da acusación popular.
Tocante á defensa, solicitou para a acusada a libre absolución e unha eximente completa, que comportaría o seu ingreso nun centro psiquiátrico. "Cometeu un feito gravísimo, pero ten dereito a que se valoren as probas e a súa situación de imputabilidade, coma calquera outro acusado. Non vai quedar sen castigo, pero ese castigo débese producir nun psiquiátrico e non na prisión", dixo Luís Rifón, avogado da defensa.
Pola súa parte, o pai da nena asasinada cualificou como unha experiencia inhumana a repetición desta vista oral. "É algo inhumano ter que volver pasar por todo. A impresión final vereina cando dean o veredicto", dixo José Manuel Leal.
Ese veredicto será emitido polo xurado unha vez delibere sobre se condena ou non á pena máxima a muller acusada de asasinar a súa propia filla de sete anos.