Analizan como obter datos para coñecer a eficacia dos novos fármacos contra o cancro
Analizan como obter datos para coñecer a eficacia dos novos fármacos contra o cancro
Os profesionais dos hospitais de toda Galicia participan esta fin de semana no I Congreso Galego de Resultados de Saúde en Oncoloxía
O obxectivo é analizar a eficacia das medicacións nos pacientes oncolóxicos
Presentouse tamén o rexistro galego de tumores en que se recolle a incidencia, a mortalidade e a supervivencia dos diferentes tipos de cancro
O cancro é un problema de primeira magnitude na nosa sociedade. En Galicia detectáronse en 2022 17.000 tumores, segundo os datos da Consellería de Sanidade. Nestes últimos anos estanse introducindo moitos novos medicamentos para mellorar a supervivencia ou a calidade de vida.
Para coñecer mellor a efectividade das medicacións contra o cancro, a Sociedade Galega de Oncoloxía está a celebrar en Ourense o primeiro congreso sobre resultados en oncoloxía.
A investigación non deixa de descubrir novas medicacións e vías innovadoras para os distintos tipos de cancro. Pero son eficaces os novos fármacos cun uso xeral ensaiados nun número limitado de pacientes? Iso é o que queren analizar os profesionais que participan no I Congreso Galego de Resultados de Saúde en Oncoloxía.
"É necesario analizar os resultados que obtemos con estes fármacos na vida real todos os días para ver se realmente cumpren as expectativas coas que aprobamos os fármacos e empezamos a utilizalos", explica Jesús García Mata, xefe do servizo de oncoloxía do complexo hospitalario de Ourense.
Unha tarefa de recollida de datos que implica tanto médicos especialistas, como xestores, informáticos e representantes da industria farmacéutica. Ademais, tamén presentaron o rexistro galego de tumores.
"Un informe do ano 2022 que recolle a incidencia de tumores en Galicia, que podemos adiantar que estamos falando de arredor de 17.000 tumores, distribuídos nuns 10.000 aproximadamente en homes e uns 7.000 en mulleres", asegura a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán.
Nos cribados detéctanse, por exemplo, boa parte dos tumores de mama que seguen sendo os de maior incidencia no caso das mulleres, cunha supervivencia moi elevada. E o de maior incidencia en homes son os tumores de próstata e de pulmón.
"É un rexistro que ten unha elevadísima importancia tanto á hora da toma de decisións que serviría, por exemplo, para decidir que tipo de cribados podemos facer con estes tumores, como tamén dar un primeiro paso para medir os resultados en saúde en oncoloxía", destaca Carmen Durán.
Resultados co obxectivo de reducir a mortalidade e mellorar a calidade de vida dos pacientes con cancro.