Publicador de contidos
Publicador de contidos

Anfaco-Cecopesca celebra a aprobación do PERTE mar-industria e pide axilizar as convocatorias para que as axudas cheguen canto antes

Anfaco-Cecopesca celebra a aprobación do PERTE mar-industria e pide axilizar as convocatorias para que as axudas cheguen canto antes

O sector alerta dunha baixada no consumo de peixe e do marisco desde 2019. As empresas galegas resisten grazas ás exportacións.

Sobre a Lei de costas, Anfaco-Cecopesca reclama un marco lexislativo estable que evite a deslocalización de empresas no futuro

G24.gal 15/04/2024 13:04

En entrevista á Radio Galega este luns, Roberto Carlos Alonso, secretario xeral de Anfaco- Cecopesca, trasladou que a pesar da alza de prezos e dun contexto económico complexo, neste momento as conserveiras galegas manteñen a actividade grazas ás exportacións. 

Non obstante, si confirma unha caída no consumo de peixe e marisco do 17 por cento, desde o ano 2019.  O secretario xeral de Anfaco Cecopesca incidiu na promoción para incentivar o mercado interno e unha vez máis, na rebaixa do IVE para o peixe.

Plan estratéxico cadea mar-industria

Roberto Carlos Alonso celebrou que Europa veña de aceptar o plan estratéxico para a cadea mar-industria, feito que o sector viña reclamando desde que a Comisión Europea os deixara fora do PERTE agroalimentario en 2022. 

Alonso aclarou que cando se deron a coñecer os fondos Next Generation en 2020, o sector xa deseñara un plan de traballo con actuacións dirixidas á innovación técnica, automatización de sistemas de traballo ou a eficiencia enerxética das fábricas. Agardan agora que os fondos cheguen canto antes para facilitar a transición verde de moitas destas factorías.

"O primeiro, celebramos que a administración tomase como súa a nosa petición. Se ben non son os 303 millóns de € que pediamos, o que demandamos agora e que eses fondos se axilicen e cheguen ás empresas canto antes", expresou.

Outras problemáticas

O sector amosa a súa preocupación por outros problemas como a falta de remuda xeneracional en determinados postos de traballo neste ámbito. Destaca Alonso que o ano pasado se crearon 400 novos empregos no sector, e que neste momento, en zonas de Galicia como O Barbanza hai pleno emprego. Con todo, nalgúns destes traballos resulta complicado atopar man de obra.

Outro dos problemas, a inseguridade xurídica que supón a actual lei de costas para as industrias instaladas en Galicia, que explica Alonso, podería levar a retirar investimentos na nosa comunidade. 

"Non é perigo de emprazamento, pero si de investimento, porque se non sabes que vai pasar coa túa empresa en 3 anos, pois colles o investimento e lévalo fora. Todas as empresas piden a mesma seguridade xurídica..., a parte empresarial o que quere é estabilidade".

Respecto á falta de materias primas, o responsable de Anfaco-Cecopesca traslada que ven con preocupación a situación das rías. Non obstante, consideran que os principios polos que se rexe a PAC e a integración da pesca con terceiros países permitiría abrir novas vías para o abastecemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade