Publicador de contidos
Publicador de contidos

Antía Jácome e Rodrigo Germade sacan o seu segundo billete para París

Antía Jácome e Rodrigo Germade sacan o seu segundo billete para París

Para Antía Jácome serán os seus segundos Xogos Olímpicos tras debutar en Tokyo 2020

Para o de Cangas do Morrazo, estes serán os seus terceiros Xogos 

G24.gal 12/04/2024 12:55 Última actualización 12/04/2024 15:58

Antía Jácome sacou este venres o seu segundo billete para os Xogos Olímpicos de París, despois de impoñerse na proba C1 200 do selectivo nacional organizado pola Federación Española no encoro de Pontillón de Castro, en Verducido (Pontevedra).

Medalla de prata no pasado Mundial disputado en Duisburgo (Alemaña), Antía Jácome impúxose nunha apertada carreira a María Cobera, a súa compañeira no C2 500.

A madrileña arrincou con forza, pero Jácome aguantou o seu ritmo para acabar impoñendo o seu brutal ritmo de padexadas. Para Antía Jácome serán os seus segundos Xogos Olímpicos tras debutar en Tokyo 2020, onde xa conseguiu un diploma olímpico. 

Tamén o galego Rodrigo Germade e o madrileño Adrián del Río exhibiron este venres o seu potencial cun cómodo triunfo na proba do K2 500.  Un triunfo que asegura a súa presenza nos Xogos Olímpicos de París, xa que o pasado ano foron eles os que clasificaron o barco español do K2 500 para a cita olímpica co seu terceiro posto no Campionato do Mundo de Diusburg.

Germade, que dobrará nos Xogos Olímpicos porque tamén sacou billete co K4 500, e Del Río asinaron unha carreira perfecta. Para o de Cangas do Morrazo serán os seus terceiros Xogos Olímpicos.

Germade colgouse a medalla de prata en Tokyo xunto aos seus compañeiros Saúl Craviotto, Marcus Cooper e Carlos Arévalo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade