Anxo Castro e Sonia Abad gañan a vixésimo terceira edición da Vig-Bay
Anxo Castro e Sonia Abad gañan a vixésimo terceira edición da Vig-Bay
A proba volveu reunir máis de 5.000 corredores, que gozaron do seu percorrido polo litoral entre Vigo e Baiona
Anxo Castro e Sonia Abad son os campións da vixésimo terceira edición da Vig-Bay.
Pero, máis aló do éxito deportivo ou das mellores marcas, esta proba volveu reunir máis de 5.000 corredores, que gozaron desta competición que une Vigo e Baiona a través dunha liña do litoral moi atractiva paisaxisticamente.
A Vig-Bay é un medio maratón de 21 quilómetros moi distinto a outros do calendario de carreiras. Leva sendo así 23 anos. O deseño do percorrido, de Vigo a Baiona pasando por Nigrán, fai que os que a proban repitan.
"É un pouco como o Camiño de Santiago, saes dun sitio e chegas a outro sitio que está a esa distancia que querías facer. Iso unido á vista que tes cando vas correndo a carón da ría e das Cíes é o que trae a xente aquí", conta Miguel Gómez, da organización da Vig-Bay.
Cos corpos dos corredores aínda de inverno, a organización engadiu varios puntos de hidratación, tendo en conta que o día, sen vento e con sol, resultou de verán.
De novo, coma sempre, dez minutos antes da saída vimos a familia de Discamino cos seus vehículos adaptados.