Rescatan o corpo sen vida dun pescador de 68 anos no porto de Aldán
Rescatan o corpo sen vida dun pescador de 68 anos no porto de Aldán
O cadáver foi recuperado pouco antes da medianoite sen signos de violencia
A súa muller alertou os servizos de emerxencia ao ver que non regresaba
Os servizos de emerxencia localizaron pouco antes da medianoite o corpo sen vida dun home aboiando no porto de Aldán. É un veciño de Cangas de 68 anos que saíra coa súa bicicleta pescar con cana este domingo pola tarde. Ao ver que non regresaba, contra as 23:00 horas a muller alertou a Garda Civil.
Pouco despois, os axentes atopaban a bicicleta e o cadáver da vítima. O 112 recibiu o aviso dun corpo flotando no porto de Aldán dez minutos antes das 00:00 horas desta noite.
🔴 #AXEGAInforma de que foi achado un corpo sen vida na auga en Cangas.
— 112 Galicia (@112Galicia) January 20, 2025
📍 Porto de Aldán.
➡️ O #112Galicia tivo constancia dez minutos antes das 00:00 horas.
🚨 Urxencias Sanitarias de Galicia-061, @GardacostasGal, @guardiacivil, Policía Local e Protección Civil de Cangas. pic.twitter.com/qXTh4zF8jB
Os servizos de emerxencia alertaron os efectivos da Garda Civil, Salvamento Marítimo, Servizo de Gardacostas de Galicia, Bombeiros do Morrazo, Policía Local e membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cangas.
A Garda Civil mobilizou unha embarcación e, finalmente, conseguiu recuperar o cadáver empregando unha corda.
O corpo non presentaba signos de violencia. Os resultados da autopsia determinarán as causas do falecemento.
Dáse a circunstancia de que o pasado mércores faleceu nas mesmas circunstancias un mariñeiro do barrio de Pinténs de 58 anos. Morreu dun infarto mentres viraba os aparellos das nasas na bocana da ría de Aldán e atopárano na súa embarcación, que estaba á deriva.